O viño do Ribeiro mantén a súa atracción en Ribadavia a pesares das inclemencias meteorolóxicas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Nin as inclemencias dun tempo caprichoso poden frear o entusiasmo polo viño do Ribeiro, que un ano máis volve converter a Ribadavia no epicentro do enoturismo galego. A 62ª edición da ‘Feira do Viño do Ribeiro’ contou o venres cunha gran afluencia de público e cun amplo programa de actividades que puxo en valor a calidade, a versatilidade e a riqueza enogastronómica da comarca.

Entre as actividades máis destacadas da xornada estivo a cata comentada e, sobre todo, o Obradoiro de Coctelería impartido por Willy Gómez, Campión de España de coctelería con café, barista e bartender profesional cunha traxectoria de máis de dez anos. Gómez sorprendeu aos asistentes demostrando que o Viño do Ribeiro tamén pode ser ingrediente estrela en cócteles de gran calidade, creatividade e sabor.

A programación continuou hoxe, sábado,con propostas moi atractivas. O Obradoiro de Cociña estará a cargo de Gerson Iglesias, xefe de cociña do Hotel OCA de Allariz, acompañado pola destacada presenza de Tomás Ucha, sumiller de DiverXO, quen tamén conducirá pola tarde unha nova cata comentada das adegas participantes.

A xornada do sábado culminou cun segundo Obradoiro de Cociña, esta vez da man da recoñecida chef Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova (Verín), coñecida pola súa proposta que mestura vangarda e tradición. De novo, nesta actividade participará tamén Tomás Ucha. A noite pecharase coa actuación musical de Claxxon, nun enclave tan emblemático como o Castelo dos Condes.

O domingo, derradeira xornada da feira, arrancará cun novo Obradoiro de Cociña protagonizado por Álvaro Villasante, chef do restaurante Paprica, quen defenderá unha vez máis a harmonía entre cociña tradicional e moderna co produto de calidade como protagonista. Estará acompañado, como vén sendo habitual nesta edición, por Tomás Ucha.

Ás 13,00 horas, o grupo Airiños da Arnoia animará as rúas cun pasarrúas acompañando a Don Pedro e Dona Ana desde a Rúa do Progreso ata o recinto feiral, onde actuarán ás 13,30 horas. Ás 14,00 horas terá lugar a entrega de premios da cata popular da feira.

Xa pola tarde, celebrarase a última cata comentada maridando os viños do Ribeiro cos pratos elaborados durante a feira. Ademais, o IES O Ribeiro terá un papel destacado cunha presentación por parte do seu profesorado sobre os Aceites de Oliva, Viños e a viticultura nos ciclos formativos de grao medio e superior que se imparten no centro. O peche oficial do recinto feiral está previsto para as 22,00 horas do domingo, despedindo unha edición que, un ano máis, confirma que o amor polo Viño do Ribeiro está por riba de calquera previsión meteorolóxica.