Emigrantes de Beariz e Avión alzan a voz en México contra a explotación mineira en Doade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro Galego de México Asociación Civil, aglutina galegos residentes, empresarios, e familias galego mexicanas de varias xeracións que conforman a realidade forxada desde o 1911, ano no que se fundou, da diáspora galega en México, converténdose así en referente entre as asociacións españolas na cidade, onde, segundo datos do INE, residen máis de 15.500 galegas e galegos.

Unha gran parte desa colectividade está conformada por veciñas e veciños dos concellos de Beariz e Avión que aprovechararon a celebración da tradicional “Jira Campestre del 1º de Mayo” para amosar públicamente o rexeitamento ao proxecto “Mina Doade”, e lembrar a importancia de preservar o lugar de orixe para poder compartir xeración tras xeración, os altos valores naturais e patrimoniais da cultura galega en todos os lugares do mundo, sen esquecer os motivos que as levaron a emigrar, buscar un presente e futuro mellor para si mesmos e para as súas familias, “os mesmos motivos polos que rexeitamos a mina”.

Na ‘Jira’ deste ano, numerosos asistentes manifestaron a súa oposición á mina de litio que proxectan en Doade, e sumaron firmas á carta aos alcaldes e alcadesa de Beariz, Avión, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Forcarei. As novas xeracións de galego-mexicanos manteñen vivo o legado cultural galego e fortalecen os vínculos coas súas raíces, e queren conservar un lugar ao que volver. Doutra banda, a poboación destes concellos organizada do outro lado do charco “é consciente do dano que a minería fixo e segue facendo no seu país de acollida, e convida a preguntarse como cidadanía se poden poñer un exemplo de minería sen devastación e morte”. Dende a plataforma veciñal ‘SOS Suído Seixo’ aseguran que “non estamos dispostos a permitir isto, moveremos ceo e terra e chegaremos ata os tribunais se fai falta”, á vez que garanten que “esta irmandade galego-mexicana segue unida, o amor á terra que nos une é moito maior que a cobiza das grandes empresas mineiras e dos intereses de calquera partido político, a auga é estratéxica, as nosas aldeas son sacras, imos conservar os nosos territorios porque son o que somos”.

Tanto desde México como desde Galicia animan a toda a xente a asinar a carta aos alcaldes e unirse á defensa da terra sexa cal for o lugar onde se atopen. A ‘Jira Campestre 2025’ adornou os seus traxes de festa con chapas “Vida sí, mina non” e pancartas xigantes de “Mina Doade, non” sostidas por un tecido social solidario e imparable que non vai descansar ata saber que a auga da “Fonte do Farauto” seguirá cocendo o polbo cada día 9 de “feira”, como o leva facendo desde o século XII, “porque Doade é feira e non mineira”.