Luis Menor pon en valor Proxecto Home como “reflexo do mellor da sociedade” e reafirma o compromiso da Deputación coas entidades sociais

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial escoitou as experiencias de usuarios no Pazo de Guizamonde e percorreu as instalacións da asociación, que axuda á rehabilitación e reinserción social de persoas con problemas de adiccións

A modificación de crédito aprobada no pleno ordinario do mes abril contemplou unha axuda de 25.000 euros para o colectivo, que se suma aos 20.000 euros outorgados en 2024 para gastos de funcionamento

Ourense, 5 de maio de 2025.

O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe as instalacións de Proxecto Home no Pazo de Guizamonde, onde puxo en valor o labor dun programa “que reflexa o mellor da sociedade” e que xurdiu nunha época na que “axudou a moitas familias que non podían pagar tratamentos custosos”. Menor, acompañado pola deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, percorreu as instalacións da man da directora de Proxecto Home Galicia, Ofelia Debén, así como membros do equipo e usuarios do centro.

Menor escoitou as experiencias persoais de varios usuarios de Proxecto Home, aos que felicitou “por crer en vós para saír de situacións de complexidade”.

Compromiso social

“A nosa primeira inversión sempre serán as persoas”, subliñou Menor durante a visita institucional. A Deputación de Ourense, no seu compromiso coa área social, mantén liñas de cooperación estratéxicas con entidades como Proxecto Home. Neste sentido, a Fundación Monte do Gozo, promotora de Proxecto Home en Galicia, recibiu por parte da Deputación 20.000 euros no ano 2024 para gastos de funcionamento. Ademais, a recente modificación de crédito aprobada no pleno ordinario do mes de abril, contemplou 25.000 euros de axuda para Proxecto Home.

Pola súa banda, a directora de Proxecto Home, Ofelia Debén, agradeceu a visita do presidente da Deputación para “compartir sentimento, ilusión e responsabilidade de colaborar” co programa.

Referentes da rehabilitación e a reinserción

Proxecto Home céntrase na rehabilitación e na reinserción social de persoas con problemas de adiccións como a drogodependencia, o alcoholismo ou a ludopatía.

En Ourense, a asociación conta cun centro situado no Pazo de Guizamonde, aínda que tamén xestiona unha comunidade terapéutica intrapenitenciaria na prisión provincial do Pereiro de Aguiar.

Este programa, que ten unha traxectoria de máis de 20 anos, atendeu a máis de 860 internos.