A vila de Ribadavia acollerá esta fin de semana unha nova edición, xa a cuarta, da ‘Mostra do Comercio do Ribeiro’, unha campaña que busca poñer en valor o tecido comercial local e achegar os produtos e servizos do comercio de proximidade á veciñanza e visitantes.
Durante os días 10 e 11 de maio, un total de 18 establecementos da vila sairán á rúa para amosar o mellor da súa oferta, nun ambiente festivo que mestura tradición, creatividade e calidade. Moda, alimentación, cosmética, óptica, floraría, libraría ou regalos personalizados son só algunhas das propostas que se poderán atopar nas carpas instaladas nas rúas de Ribadavia.
Entre os comercios participantes figuran “Los Dibujos de María”, “Anube Descanso”, “Madejas Tejerlo”, “Serma” Centro Naturópata, “Fuxo” Moda, “Mafranch” Librería, “Olueis” Arte Floral, “Style” Perruquería, “La Gafa de Ribadavia”, “Rovi” Mercería, “Delu” Cosmética Galega, “Meu Pan” Panadería, “Pura Vila” Galletas Artesás, “Cienporcel” Porco Celta, “Sila” Confeitaría, Licores “Os Maios”, “Naturavia” Cosmética Ecolóxica e “Terras Boborás” Mel.
A iniciativa está impulsada co obxectivo de dinamizar a economía local, dar visibilidade ao pequeno comercio e fomentar a compra responsable e sostible. A ‘Mostra do Comercio do Ribeiro’ converterase así nun espazo de encontro e promoción, onde se convida tanto á cidadanía como ás persoas que se acheguen á comarca a coñecer a riqueza comercial de Ribadavia.
Ademais da presenza dos comercios locais, a programación inclúe unha ampla variedade de actividades. Na carpa principal, o sábado, ás 12,30 horas, terá lugar un obradoiro de flores secas e tratadas a cargo de Olueis. Esa mesma tarde, entre as 17,00 e as 18,30 horas, celebraranse dous talleres de pintura acrílica dirixidos a nenas e nenos de entre 4 e 12 anos. A continuación, ás 18,00 horas, da man de Meu Pan haberá unha degustación de brownies para comezar, xusto despois, ás 18,30 horas, con Madejas Tejerlo ofrecendo un taller para aprender a tinguir la de forma artesanal.
Xa o domingo, ás 12,00 horas, está prevista a presentación do libro “O Mestre. Gonzalo Yáñez de Novoa. IX Mestre de Calatrava (1218-1238)” dos autores Xosé Ramón Estévez Pérez e Vicente Piñeiro González. Á esa mesma hora os visitantes poderán degustar os pans especiais de masa nai grazas que achegarán ata a mostra dende a panadería “Meu Pan”. Ás 13,30 horas, Cienporcel fará unha degustación de chourizos de porco celta e, xa pola tarde, ás 18,00 horas, terá lugar unha cata comentada e maridaxe artesanal con produtos de Licores “Os Maios” e “Sila” Confeitaría.
Para o público infantil haberá cinco colchonetas de acceso gratuíto durante toda a fin de semana, no horario da Mostra. Tamén estará habilitada unha zona de comida con dúas food trucks, na que se poderá gozar de música en directo. O sábado pola noite, ás 20,00 horas, actuará o grupo 42º Norte, e, o domingo, ás 19,30 horas será a quenda do músico Afonso, co seu proxecto “Afonso homen em catarse”.
Esta fin de semana, Ribadavia converterase nun punto de encontro entre o comercio, a cultura e a gastronomía, cun programa pensado para todos os públicos e que pon en valor o compromiso e a calidade do comercio local.