Ribeiro en Común entende que a ‘Feira do Viño do Ribeiro’, que na súa 62ª edición celebrouse en Ribadavia entre os pasados días 1 e 4 de maio “é un evento que funciona con inercia e dinámicas propias, aínda así o que fixo este ano o goberno municipal foi poñer en risco unha marca consolidada, e xogar co prestixio dun evento que é un referente importante tras moitos anos”. Neste sentido, dende este grupo da oposición salientan a “confrontación do goberno local cun sector importante do noso viño, que se traduciu nunha baixada en participantes e stands, once menos cá o ano pasado, que é o número máis baixo en moitos anos”.
Tamén fan referencia a “un exceso de días, que non repercutíu na mellora da feira, e cargou de traballo as medianas e pequenas adegas e colleiteiros. O que funciona ben en dous días e medio, non ten sentido extendelo a catro”. Asimesmo, critican “a eliminación do estilo e ambiente sutil e agradable, con concertos de grupos e artistas, apostando de forma excluínte polo gasto e programación excesiva de orquestas, que se poden atopar en calquera outra festa”.
Por outra banda, dende Ribeiro en Común apuntan que “os pequenos detalles, como non facer nada diante da previsión de choivas anunciadas para facer máis acolledor o recinto: por exemplo, o ano pasado o noso grupo xa solicitara que se adoptaran medidas para evitar o recinto cheo de lameira, pero ao PP deulles igual”. Asemade, citan “o desembarco excesivo de políticos do PP un ano máis”, referindo que “cada quen faga o que queira, pero desde Ribeiro en Común, e cremos que desde moitas persoas do propio PP, non se entendeu nin agradou moito a presenza do condenado Baltar na Feira do Viño arroupando ao seu pupilo César Fernández, mais cando tamén o presidente actual da Deputación estaba presente”.
“O que sí botamos en falta foi un compromiso de todos os políticos con Ribadavia e O Ribeiro a través de mellores e maiores investimentos no noso territorio, tan necesarios”, conclúen.