O delegado territorial supervisou as obras de mantemento da ‘Curva do enxeñeiro’ (pk1+590), na antiga N-525, en Riós

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A XUNTA INICIA UNHA CAMPAÑA DE CONSERVACIÓN DE FIRMES EN ESTRADAS AUTONÓMICAS NA PROVINCIA DE OURENSE

― Manuel Pardo explicou que se trata dunha intervención na ‘Curva do enxeñeiro’ na que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, investiu 47.000 euros
― O delegado territorial informou tamén que se iniciaron os traballos de conservación doutras estradas autonómicas na provincia de Ourense, principiaron na OU-114 (variante estación Campobecerros), na OU-114 pk 05+200 e na OU-113, en Castrelo do Val; OU -533 (variante de Fornelos), en Viana do Bolo
― Estes traballos súmanse ás obras en execución de reforzos de firme nas estradas autonómicas da zona de Valdeorras, cun investimento de máis de 3 M€, aos que se unirá tamén este ano a nova capa de rodaxe en AG-53
― Manuel Pardo puxo en valor o esforzo do Goberno galego na conservación e o mantemento do dominio público viario da Rede Autonómica de Estradas de Galicia
― A alcaldesa de Riós trasladoulle ao delegado territorial algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta

Ourense, 08 de maio de 2025.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Riós para, da man da súa alcaldesa, Eva Barrio, supervisar o estado das obras de conservación nun treito antigo da N-525, na contorna do río Mente, que foi transferido polo Estado á Xunta de Galicia co traspaso de competencias tralo Estatuto de Autonomía, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, investiu 47.000 euros.

O delegado territorial explicou que se trata dunha intervención na ‘Curva do enxeñeiro’ (pk1+590), escenario da morte do enxeñeiro xefe do proxecto, José Fernández España, que traballaba no deseño da liña de tren que uniría o Sur de Galicia coa península tras un estraño accidente. Así, nesta curva realizaranse actuacións de saneamento completo duns 70 m de lonxitude nos 7 m de ancho da calzada.

Esta vía, anteriormente con código OU-142, agora non catalogada como estrada, practicamente non ten tráfico rodado xa que non ten continuidade coa rede, remata cortada nun noiro da N-525, e o seu maior uso é agrícola para mantemento das fincas e forestal. Si que coincide en boa parte cun treito do Camiño de Santiago da Vía da Prata polo que os traballos estarán orientados a mellorar as condicións para as persoas que transiten a pe.

Manuel Pardo puxo en valor o esforzo do Goberno galego na conservación e o mantemento do dominio público viario da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, e destacou que a seguridade viaria é unha prioridade absoluta para o Goberno galego, posto que se trata da integridade e a vida das persoas e non hai nada por riba diso. Por isto, a Xunta de Galicia reserva nos Orzamentos cada ano partidas orzamentarias específicas para a mellora da seguridade viaria, tanto coa execución de obras como con medidas de sensibilización e con partidas especificas para usuarios vulnerables como sendas peonís e ciclistas ou para as actuacións referidas aos Camiños de Santiago.

Traballos de conservación

O delegado territorial da Xunta informou tamén que se iniciaron os traballos de conservación das estradas autonómicas na provincia de Ourense, principiaron na OU-114 (variante estación Campobecerros), na OU-114 pk 05+200 e na OU-113, en Castrelo do Val;
OU -533 (variante de Fornelos), en Viana do Bolo. As actuacións, que se están a desenvolver, consisten na limpeza de gabias, xestión da biomasa e barrido das estradas. Tamén se leva a cabo a mellora de firmes mediante tratamentos superficiais (DobreTS y TripleTS).

Estes traballos súmanse ás obras en execución de reforzos de firme nas estradas autonómicas da zona de Valdeorras, cun investimento de máis de 3 M€, aos que se unirá tamén este ano a nova capa de rodaxe no treito autonómico da autoestrada Santiago – Ourense, AG-53.

Reunión coa alcaldesa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Riós, Eva Barrio, coa que analizou as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica.

Manuel Pardo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.

Durante o encontro, a alcaldesa trasladoulle ao delegado territorial algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta.