O informe da actividade realizada polo Servizo de Emerxencias (GES e Protección Civil) do Concello de Ribadavia nos meses de marzo e abril rexistra un total de 112 intervencións, entre as que se destacan 17 accidentes de tráfico, seis deles con feridos e 11 sen feridos, ademais de outras 15 saídas para atender situacions con animais soltos, feridos ou mortos.
Este Servizo municipal tamén participou en 13 intervencions por incidencias en estradas e vías públicas, debidas a caída de árbores, polas, verquidos, desprendementos, arrastres, tendidos eléctricos e telefónicos e limpeza de restos de accidentes, entre outras. Os efectivos de Emerxencias de Ribadavia tiveron que prestar auxilio en 15 saídas por incendios, dos cales seis foron urbanos; cinco, forestais; tres, en vehículos, e un eléctrico.
Por outra banda, tamén acudiron a oito intervencións para a anulación de oito niños primarios de vespa velutina e colocación de trampas; seis por previsión de riscos de anegamentos e limpeza de sumidoiros e outros seis de apoia ao helicóptero de urxencias sanitarias H4.
Asemade, tamén colaboraron coas forzas de seguridade na procura de dúas persoas desaparecidas; participaron en dúas aperturas de portas e ascensores e noutras dúas aperturas de vivendas en apoio das forzas da orde.
Finalmente, nestes dous meses de marzo e abril despregaron un total de 27 operativos de Protección Civil que abarcaron dende o dispositivo especial sufrido polo apagón xeneralizado; mantemento da estación meteorolóxica da AeMet e comprobacións de bocas de incendios, ademais da colaboración coas actividades da Semana Santa e os preparativos da Feira do Viño do Ribeiro, entre outros.