A programación do ‘XVIII Festival Internacional Pórtico do Paraíso’ chega esta semana á súa recta final con dous excelentes concertos que terán lugar mañá no Liceo de Ourense e, o vindeiro domingo, no Mosteiro de Santa María La Real de Oseira. Un evento que se ven desenvolvendo dende o pasado 9 de maio en espazos senlleiros da provincia de Ourense, co patrocinio da Deputación e da Xunta de Galicia.
O evento comezaba a súa andaina na igrexa parroquial das Caldas de Ourense cun recital do cuarteto vocal Quinta Essençia, chegado de Valencia, e continuaba o día 11 no Pazo de Vilamarín coa voz da italiana Irene Brigitte e a corda pulsada de Pedro Martins, cunha excelente acollida de público, según nos contaron en Badal Novas o director artístico e a coordenadora do festival, Juan Enrique Miguéns e Conchi Dasilva.
Na xornada de onte foi o turno do conxunto galego de clarinete, viola e piano ‘Música e Memes’ no auditorio do Teatro Principal de Ourense, mentres para mañá está prevista no Liceo da cidade un recital da guitarrista australiana Stephanie Jones, a partir das 20,00 horas. Stephanie Jones é unha intérprete de guitarra clásica de renome mundial, xa sexa formando parte de grupos de cámara ou como solista.
Xa o domingo, día 18, o festival contará coa presenza do quinteto de metais Spanish Brass, que ofrecerán un concerto ás 19,00 horas no refectorio do Mosteiro de Oseira, no municipio de San Cristovo de Cea. Esta agrupación de Valencia, integrado por dúas trompetas, trompa, trombón e tuba, recibíu o Premio Nacional de Música 2020 e están a celebrar o seu 35 aniversario, En todos estes anos,o grupo ten percorrido diversos autores como Luciano Berio, Pilar Jurado, Witold Lutoslawsky, Antón García Abril, Nuria Nuñez, Vladimir Cosma, ou adaptacións de Johann Sebastian Bach, Michel Legrand, Antonio Carlos Jobim, Manuel de Falla ou Joaquín Turina entre outros.
As entradas para estes dous últimos concertos pódense mercar ao prezo de 15 euros na web www.porticodoparaiso.com ou na tenda Musical González de Ourense.