As nenas e nenos dos centros de ensino do Carballiño percorreron esta mañá alguns tramos do ‘Roteiro de Manuel María’, nunha actividade promovida pola Agrupación Cultural Avantar que contou coa colaboración da Concellería de Cultura. Uns 200 estudantes dos colexios Calvo Sotelo, Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro concentrábanse ás 11,00 horas no anfiteatro da Veracruz, onde un ‘arrieiro’ foilles explicando a historia do poeta da Terra Chá e o seu vencellamento co Carballiño ao traverso da súa amizade con Ernesto Atanasio, Felipe Senén Gómez, Xan Alfonso García e César Varela, da que saíu “O Cantigueiro de Orcellón”.
A continuación, a mesma personaxe guiou aos escolares polos fitos nos que se recollen os poemas que Manuel María Fernández Teixeiro recolleu na devandita obra: prazas Maior, Emilia Pardo Bazán e As Galiñas ata a Fonte da Casa do Concello, nos que seu lectura aos versos que figuran grafados en cada un deles. Reme Forneiro, de Avantar, salientou que este evento “é un xeito de achegar aos escolares a lingua galega e de poñer en valor a figura e a obra de Manuel María”.
Esta actividade de Avantar non será a única nesta semana, xa que pandereteiras, gaiteiros, percusionistas e danzantes integrarán o amplo grupo que tomará parte na “Fo-Liada 2025”, que o colectivo cultural organiza o vindeiro sábado, día 24, “e que virán de todo o país, xa que temos confirmada a asistencia de músicos do Barbanza, Chantada, Monforte de Lemos ou Ponte Caldelas, entre outros lugares, ademais dos artistas locais”, según avanzou Darío Rodríguez, directivo da agrupación.
Unha troulada que partirá o sábado, día 24, ás 20,30 horas, dende O Pendello, para continuar por A Comarca, Bar Paco, O Casino e Vai-Vén para rematar na Bodega de Flores. Pero antes, ao fío das 18,30 horas, a musicóloga Icía Varela impartirá na tenda Ozoco un obradoiro de pandereita, que será totalmente gratuíto previa inscripción, conmemorando así a adicación do 17 de Maio ás pandereteiras e ao canto tradicional.