A Editorial Galaxia conmemora o seu 75 aniversario reivindicando o papel da edición galega cunha exposición na Sala de Exposicións Afundación de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

I Comisariada por Henrique Monteagudo, María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, destaca o labor dos autores e autoras desde 1950 ata a actualidade, reflectindo o papel clave da editorial na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

21.05.2025. Con motivo da celebración do 75 aniversario de Editorial Galaxia, ponse en marcha a exposición itinerante «Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia», unha mostra que percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 ata a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior.

A inauguración tivo lugar esta mañá no Sala de Exposicións Afundación de Ourense nun acto ao que asistiron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Santiago Camba Bouzas, vicepresidente de Afundación; María Teresa Cores, coordinadora da Área de Cultura; e María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, comisaria e comisario da mostra; e unha ampla representación do mundo editorial e da cultura galega. 

A exposición «Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia» está comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, dirixido polo presidente da Real Academia Galega, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Castelao da mesma universidade e da revista Grial, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega, María Dolores Villanueva Gesteira, e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández. 

Neste proxecto destaca o labor de autoras e autores como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; de editores como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e dos fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, na que Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

O deseño expositivo correu ao cargo do estudo Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo, cos fitos máis salientables destes 75 anos. O deseño expositivo cumpre, ademais, o reto de adaptarse ás distintas sedes onde se vai instalar.

Outro aspecto a salientar é que se pode gozar, formando parte da exposición, dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira, e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vinculadas á Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.

A exposición «Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia» percorrerá Galicia ao longo de 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas. En xullo, a mostra chegará a Ferrol, tamén na Sede de Afundación, e, tras o verán, instalarase en setembro e outubro no Café Moderno Afundación de Pontevedra. A Coruña acollerá a exposición entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, rematando o seu itinerario en Vigo, onde poderá visitarse entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade.

Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade deste empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria recibiu galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios nacionais, que poñen en valor a nosa creación literaria.

Poderase visitar, ata o 28 de xuño, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 h na Sala de Exposicións Afundación de Ourense.