A tradicional conmemoración do Día dos Museos que leva a cabo tódolos anos a asociación ‘O Potiños’ terá lugar mañá, domingo, no Carballiño, nesta ocasión cunha lembranza especial de Gabriel Alonso, cuxo alcume dálle nome a este colectivo de afeccionados ao mundo da fotografía.
Os fotógrafos deste colectivo e outros chegados dende diferentes localidades de Galicia estarán de 10,00 a 14,00 horas na Rúa do Paseo e na Praza Maior para retratar a calquera persoa que o desexe e á que logo lle farán entrega da súa fotografía.
Coma novidade, e a xeito de homenaxe ao fotógrafo Gabriel Alonso, ‘O Potiños’, colocarán unhas lonas semellantes ás que él utilizaba a mediados do século pasado como decorados figurados para facer os retratos da xente na propia rúa. O Concello do Carballiño, a Deputación Provincial de Ourense e o Centro Comercial Aberto (CCA) prestan a súa colaboración para organizar esta actividade que xa está consolidada no tempo, incluída na programación de O Potiños para este 2025 e que rematará co Arenteiro Fotográfico.