O grupo municipal de Ribeiro en Común trasladará mañá ao pleno da Corporación de Ribadavia un acordo para que o Concello “realice un plan de rehabilitación permanente de locais comerciais ‘non efémeros’ para poñelos á disposición de emprendedores e comerciantes” no casco histórico da vila, cun contrato de arrendamento estable e de baixo custe.
Ademais, solicitan que “o Concello lle demande á Xunta a financiación destas obras, axeitadas á normativa vixente, para que poidan levarse a cabo”. Por outra banda, dende Ribeiro en Común tamén piden ao Concello que “priorice a aprobación do plan de dinamización Rexurbe e reclame á Xunta o reinicio deste programa”, que tivera avances importantes no pasado mandato municipal. Finalmente, esta formación política demanda que “o Concello solucione a situación dos seus inmobles e solares abandoados na zona monumental e retome as iniciativas realizadas polo anterior goberno local”.
En Ribeiro en Común aseguran concordar coa Xunta “na diagnose que fai de moitas vilas de Galicia que, como Ribadavia, atópanse con moitos locais comerciais baleiros”, e agradecen que “a Xunta pense en Ribadavia para experimentar un plan piloto”, pero consideran que “é un anuncio que non vai ter unha repercusión decidida e profunda que reverta a situación da zona monumental”.
Os representantes de Ribeiro en Común, refírense, neste caso, ao proxecto ‘Vilas vivas’, cuxo convenio para a súa posta en marcha será asinado mañá en Ribadavia polo alcalde, César Fernández, e o conselleiro de Comercio e Emprego, José González.