O Psoe de Cartelle denuncia o “calamitoso” estado das fontes e lavadoiros de Muntián e Pereda

O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia o “calamitoso” no que se atopan as fontes e lavadoiros en Muntián e Pereda, que se converteron en auténticas “selvas” que fan imposible o seu uso por parte dos veciños e veciñas destes núcleos de poboación. Os socialistas consideran que este é un novo episodio do “desleixo e abandono” co que o grupo de goberno municipal do Partido Popular trata á veciñanza e esixen solucións “inmediatas” para recuperar este patrimonio municipal.

Se a pasada semana o grupo municipal socialista de Cartelle denunciaba a destrución dunha fonte pública na Armada, ante o silencio por parte do Concello e a situación “medieval” na que se atopa a fonte de Sanguñedo, desta vez son as fontes de Muntián e Pereda as que amosan un aspecto “lamentable e de desleixo total por parte dos gobernantes do municipio”.

Os socialistas denuncian que no caso da fonte e lavadoiro de Muntián, “asistimos un ano máis a un episodio de desidia municipal” xa que segundo manifestan e se aprecia nas imaxes, a zona “atópase sen desbrozar, coa maleza dificultando o paso dos veciños, cun lavadoiro impracticable polas herbas e o lixo e co terreo inundado a causa de filtracións”. Situación similar vívese na fonte e lavadoiro de Pereda que se atopan sen limpar, sen desbroces e incluso con parte da área “destruída”.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, a situación “é inadmisible” e traslada que a veciñanza “está indignada co abandono do goberno municipal aos núcleos de poboación e pregúntanse en que destina o PP os cartos dos seus impostos”. O concelleiro socialista considera “urxente” unha intervención para a conservación e mantemento deste patrimonio municipal xa que tal e como relata “non se pode dar uso do mesmo e na actualidade as crianzas están de vacacións e achéganse a estas fontes, pero non poden facer uso delas dado o lamentable estado no que o PP as conserva”.

Pereira destaca que o Concello ten “a culpa do total abandono das fontes, pero tamén a responsabilidade de recuperalas e polas en valor e ao servizo da veciñanza”. O voceiro socialista esíxelle aos populares que “empecen a mirar polos intereses dos veciños e das veciñas de Cartelle que queren un municipio limpo, coidado e no que o patrimonio municipal sexa accesible e non selvas polas que é imposible camiñar ou simplemente acceder”.

Os socialistas tamén denuncian que un dos camiños de acceso ao núcleo de poboación de Pereda se “atopa impracticable” e “fai imposible o acceso de vehículos a aldea, dado que coa maleza invadindo a estrada e coas fochancas existentes, os coches non poden pasar e sofren danos polo roce de ramas e herbas”. A veciñanza desta aldea de Cartelle denuncia que teñen que pasar agochados para poder entrar ou saír por este camiño.

Jesús Pereira esíxelle unha vez máis ao goberno municipal “que empregue ao alumnado do obradoiro municipal para realizar as tarefas de adecuación e arranxo das zonas municipais e que deixe de empregalos en traballos de índole privada como é o caso da Asociación Cabalista O Mundil”.