Dende o PSdeG-PSOE de Leiro fan pública a súa total solidariedade “co compañeiro Paco Fumega, alcalde do Carballiño, militante socialista exemplar e persoa íntegra, que está a ser obxecto dun ataque político e persoal inxusto, cruel e absolutamente hipócrita”. Para as e os socialistas de Leiro “as forzas que impulsan agora unha moción sobre o chamado ‘pacto antitransfuguismo’ (o partido de Manuel ‘Pachi’ Vázquez, Espazo Común) non teñen lexitimidade moral nin política para falar dese tema. Foron persoas que, tras ocupar responsabilidades importantes no seo do PSdeG-PSOE, decidiron abandonar o partido, crear outra formación e, en moitos casos, apoiar ao Partido Popular, incluso en concellos coma Maceda. A definición é clara e está recollida no dicionario: tránsfugas son quen cambian de bando traizoando os compromisos adquiridos coa cidadanía”.
Fronte a iso, dende a Agrupación do PSdeG-PSOE de Leiro entende que “Paco Fumega nunca abandonou o Partido Socialista. Nunca traizoou aos seus compañeiros nin aos seus principios. Ao contrario, leva anos poñendo o seu esforzo, a súa intelixencia e a súa humanidade ao servizo do Carballiño e do proxecto colectivo do socialismo galego. Mesmo cando lle puxeron todas as pedras posibles no camiño, mesmo cando lle bloquearon económicamente a acción de goberno, él buscou solucións para garantir os servizos esenciais á veciñanza, sen caer na demagoxia nin na confrontación estéril”.
As e os socialistas de Leiro subliñan que “aqueles que o acusan hoxe, o fan movidos polo resentimento persoal, a ambición política e unha profunda falta de humanidade. Só así se explica que se critique que Paco se ausente dun pleno para acudir a unha consulta médica. Só así se entende que, no canto de tender pontes ou recoñecer o traballo feito, se dediquen a erosionar e a tentar derrubar ao alcalde socialista do Carballiño”.
Finalmente, o PSdeG-PSOE manifesta que “desde Leiro queremos dicir con voz alta e clara: non todo vale na política. Non todos somos iguais. E desde logo, non imos calar diante da mentira e da inxustiza”. Engaden que “Paco, estamos contigo. Co teu compromiso, coa túa dignidade, coa túa honestidade e coa túa forza. Representas o mellor do noso partido, e tamén o mellor da política local: a que traballa, a que non fai ruído pero dá resultados, a que non se rende nin diante da enfermidade nin diante da deslealdade”.
“Aquí, no PSdeG-PSOE de Leiro, estás na túa casa. E, coma ti, seguimos a crer nunha Galicia xusta, decente e solidaria. Forza, compañeiro!. Sempre contigo”, conclúen.