O viño galego de calidade conquista novos mercados internacionais en ‘Ourense Vinis Terrae’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

‘Ourense Vinis Terrae’ vén de pechar as portas da súa undécima edición despois de cumprir un ano máis as expectativas dos 47 expositores que mostraron a súa satisfacción pola cantidade e calidade das citas de negocio mantidas cos 47 compradores e importadores de 18 países que participaban nesta edición. Foron en total máis de 800 reunións de negocio ás que hai que sumar as que xurdiron con algunhas das máis de 1.000 visitas de profesionais que se achegaron ata Expourense, xa que ademais da misión de importadores, participaron na feira profesionais da restauración, hostalería ou distribución do sector do mercado nacional.

A única feira do viño 100% profesional, 100% de calidade e 100% galega conclúe unha edición máis posicionada como unha ferramenta de saída ao mercado exterior para as adegas e cun formato de feira que continúa dando moi bos resultados. O traballo previo na selección dos importadores de mercados de interese para o viño galego e o sistema de citas de negocio en liña que filtra os intereses de cada comprador coa produción de cada adega, conleva que cada reunión una os intereses de ambas as partes garantindo así mellores resultados.

Son reunións presenciais, cara a cara, ao redor dunha mesa á que sentan por unha banda o adegueiro que produce viños de calidade e, polo outro, e o potencial comprador nacional ou internacional que mostra preferencia polas variedades autóctonas, que valora a forma de producir viños das adegas de carácter familiar e que sabe o que busca e o que necesita para o mercado no que traballa.

IV Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae

Como é habitual, un dos momentos máis esperados polos expositores desta cita foi a entrega de premios da Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae que celebrou xa a súa cuarta edición. Estivo dirixida pola catadora galega Mercedes González e contou cun panel de cata integrado por expertos de distintos consellos reguladores galegos e catadores e enólogoes/enólogos de distintas partes de España. O acto de clausura e a entrega de premios contou coa participación da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, María Xosé Gómez Rodríguez, quen indicou que o viño é “un dos mellores embaixadores da excelencia de Galicia” e sinalou o compromiso dos produtores vitícolas co desenvolvemento do medio rural galego.

Categoría: Viños Brancos

– 1º premio: “988 Godello” (2024) de Adega Vella Xeracións – D.Ou. Ribeira Sacra.

– 2º premio: “Vía Barrosa Treixadura” (2020) de Viña Costeira – D.Ou. Ribeiro.

– 3º premio: “Vía Arxéntea Branco” (2024) de Vía Arxéntea – D.Ou. Monterrei.

Categoría: Viños Tintos

– 1º premio: “O Tinto de Candela e Valentina” (2024) de Casal do Canteiro – D.Ou. Ribeiro.

– 2º premio: “Terras Mancas Tinto” (2024) de Adega Terras Mancas – I.X.P. Val do Miño.

– 3º premio: “Casa Moreiras Mencía” (2024) de Casa Moreiras – D.Ou. Ribeira Sacra.

Categoría: Outras “añadas”

– 1º premio: “Viladequinta” (2020) de Adega Ou Cabalín – D.Ou. Valdeorras.

– 2º premio: “Pedranai” (2022) – Adegas Santiago Roma – D.Ou. Rías Baixas.

– 3º premio: “Viña Peón Amandi” (2022) de Adegas Mauricio Lorca – D.Ou. Ribeira Sacra.

Conclúe así unha nova cita do calendario feiral de Expourense para este 2025, a última do semestre. A actividade no recinto continuará ao longo deste mes coa celebración de varios eventos entre os que destaca o 58º Rallye de Ourense.

PUBLICIDADE