A Xunta amosa a súa total colaboración ao concello de Ourense para regularizar as termas do Muíño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial da Xunta e o director xeral de Planificación Enerxética e  Minas mantiveron unha reunión cos voceiros dos grupos municipais do concello de Ourense

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • Os representantes do Goberno galego manifestaron que para a Xunta o termalismo é un elemento esencial no desenvolvemento de Ourense, e que debería ser unha aposta de todas as forzas políticas para ser motor e o espello da cidade e da provincia
  • As Termas do Muiño non cumpren cos requisitos para ser declaradas zona de baño, polo que mentres non se regularice a súa situación, dende a Xunta solicítaselle ao concello que coloque unha sinalización que informe da non recomendación do baño nas devanditas instalacións
  • Manuel Pardo lembrou que a Xunta de Galicia vén de crear a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, que ten como obxectivo promover a proxección exterior de Galicia como un referente neste ámbito

Ourense, 04 de xuño de 2025. – O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Planificación Enerxética e  Minas, Pablo Fernández Vila, mantiveron unha reunión cos voceiros dos grupos municipais do concello de Ourense para tentar acadar unha solución ás Termas do Muíño.

Neste encontro, que se desenvolveu esta mañá Delegación Territorial, os representantes do Goberno galego manifestaron que para a Xunta o termalismo é un elemento esencial no desenvolvemento de Ourense, e que debería ser unha aposta de todas as forzas políticas para ser motor e o espello da cidade e da provincia.

Tanto o delegado como o director xeral aseguraron que o concello de Ourense contará co apoio da administración autonómica para facer as actuacións que sexan necesarias para adaptar as instalacións á normativa aplicable e garantir as condicións hixiénico sanitarias procedentes para asegurar un desfrute seguro por parte da cidadanía.

As Termas do Muiño non contan coa declaración de auga termal e non cumpre coas características para ser declarada zona de baño. Así que, mentres non se regularice a súa situación, dende a Xunta solicítaselle ao concello que coloque unha sinalización que informe da recomendación absterse do baño nas devanditas instalacións.

Galicia foi pioneira en España hai cinco anos coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, impulsando un “crecemento ordenado e seguro” deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais sen finalidade terapéutica, senón lúdica.

Manuel Pardo lembrou que a Xunta de Galicia creou a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, que ten como obxectivo promover a proxección exterior de Galicia como un referente neste ámbito. Deste xeito –recalcou o delegado territorial-  “Estamos a traballar na elaboración dun mapa de termalismo coa implicación de diferentes axentes clave e que esta cuestión vai ser unha das se inclúan na Estratexia Galega de Turismo 2024-2030”.

O delegado territorial tamén lembrou o Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos que pivotará arredor do desenvolvemento do termalismo galego deste sector como un elemento diferencial da oferta turística galega que permita o desenvolvemento de zonas rurais e de destinos urbanos a través dunha proposta turística única e de calidade.

Pola súa banda, Pablo Fernández Vila amosou o compromiso do Goberno galego co termalismo, pois precisamente, a mellora da sustentabilidade sectorial a través do fomento do termalismo e da cultura termal é un dos eixos estratéxicos que configuran a Axenda de Impulso da Minería Sostible 2030 de Galicia.

E engadiu que “dende a Xunta puxemos como unha das nosas liñas primordiais de actuación as augas termais, impulsando o termalismo como elemento dinamizador socioeconómico do territorio, cunha xestión turística máis sustentable, ao tempo que se protexe o recurso mineral e se garanten as condicións hixiénico-sanitarias adecuadas para que a cidadanía galega desfrute destas instalacións coa máxima seguridade”.

Deste xeito, rematou o director xeral, “a nosa terra está considerada como un dos principais destinos termais de España e tamén no eido internacional, xa que é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, con máis de 300, algunhas das cales deron lugar aos 21 balnearios dos que podemos desfrutar”.