A recreación histórica “1809: A Batalla” de Pazos de Arenteiro gaña o Premio Cachamuíña 2025

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, acompañada por veciñas e veciños de Pazos de Arenteiro, recolleron o ‘Premio Cachamuíña 2025’ para a festa de recreación histórica “1809: A Batalla” que cada ano celebran nesta localidade declarada monumento histórico-artístico nacional. Este galardón foi entregado polo delegado de Defensa en Galicia, o capitán de navío Jesús Ángel Paz, e o subdelegado deste Ministerio en Ourense, o coronel Jesús Antonio Peñas.

Según lembrou a propia Patricia Torres, “o coronel Jesús Peñas leva participado precisamente nos últimos dous anos na representación de A Batalla, e é unha gran persoa á que lle estamos moi agradecidos polo seu bó trato sempre, a súa bonhomía e apoio”.

“1809: A Batalla” é unha celebración conmemorativa que recrea a famosa batalla acontecida en Pazos de Arenteiro o 2 de marzo de 1809 durante a invasión francesa de España. Nesa data, un numeroso grupo de veciñas e veciños de Pazos e doutras localidades da comarca do Ribeiro e de Galicia, liderados polo capitán ourensán Bernardo González del Valle, alcumado ‘Cachamuíña’, enfrontouse e derrotou ás tropas napoleónicas na contorna da ponte de Pazos sobre o río Avia.

Unha recreación que o vindeiro 12 de xullo acadará a súa sexta edición, promovida polo Concello de Boborás e a colaboración da Deputación de Ourense, e na que a veciñanza de Pazos de Arenteiro é a verdadeira protagonista.