
A Oficina Municipal de Xuventude de Ribadavia (OMIX) vén de presentar “Ribadanime”, o primeiro videoxogo informativo desenvolvido en formato de novela visual para promover eventos, servizos e recursos xuvenís, unha iniciativa innovadora que transforma a comunicación pública nunha experiencia divertida e inmersiva.
Trátase da primeira novela visual interactiva creada por unha oficina de xuventude en España (e unha das máis pioneiras de Europa), utilizando o motor Ren’Py. Aínda que existen proxectos similares en museos e educación, este é o primeiro vinculado a políticas locais de xuventude.
Os usuarios exploran unha vila rural reconstruída dixitalmente como Ribadavia, dialogando con personaxes (como un guía virtual chamado “Álex”) e descobren oportunidades da vida real para a información e a participación xuvenil e cultural.
Este proxecto, aínda inexplorado no ámbito das entidades xuvenís españolas e europeas e combina a narrativa dixital, con escollas que afectarán á historia que escoitan na que interactúan, e a información da vida real, actualizada sobre actividades locais e oportunidades de mobilidade xuvenil. Ademais, supón unha ferramenta que pode ser replicada por outras entidades e contextos.
“Ribadanime” é un videoxogo interactivo ao estilo dunha novela visual desenvolvido polo Programa de Voluntariado Europeo do Concello de Ribadavia, especificamente para as actividades que se levan a cabo na Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ribadavia (OMIX), co obxectivo de achegar a información e os servizos xuvenís á comunidade a través de medios dixitais innovadores.
O xogo está protagonizado por Alex, a mascota oficial da OMIX Ribadavia, que guía aos xogadores a través dun percorrido virtual polo municipio, presentando eventos clave do calendario cultural local (Arteficial, Festa da Istoria, MIT, Noite Meiga) e compartindo información sobre oportunidades de mobilidade, Voluntariado Europeo do Corpo Europeo de Solidariedade, oportunidades de mobilidade xuvenil e outros recursos dispoñibles.

















