Dúas campañas da Xunta de Galicia incentivan as compras no comercio de proximidade

Dende hoxe luns os clientes do comercio de proximidade galego poderán comezar a descargar e a empregar os descontos de 30 euros do Bono Activa Comercio, unha iniciativa á que a Xunta de Galicia destina 5M€ coa previsión de chegar a mobilizar 17M€ en compras no comercio de proximidade de toda Galicia.

Os bonos, en formato de código QR, poderán descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén estará dispoñible a lista de establecementos adheridos, á que poderán seguir sumándose comerciantes ata o vindeiro 30 de novembro.

AVANTAR ACTIVIDADES

A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto será de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.

O obxectivo desta iniciativa é axudar á economía das familias contribuíndo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos; así como incentivar as compras no comercio de proximidade, nunhas datas clave para a actividade comercial.

A outra campaña é Mercar no teu comercio ten premio. A iniciativa desenvólvese en máis de 40 localidades de toda Galicia e en 11 da provincia de Ourense, entre as que se atopan O Carballiño e Ribadavia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades.

Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros.