Carmen Rodríguez denuncia o reparto “a dedo” de 900.000 euros de material contra incendios a concellos ourensáns do pp

O grupo socialista denuncia o reparto “a dedo” de 900.000 euros de material contra incendios a concellos ourensáns do pp dende xunta e deputación

Carmen Rodríguez esixe transparencia, igualdade de oportunidades e un sistema equitativo de distribución de fondos públicos

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe o reparto “a dedo” de 900.000 euros a medias entre a Consellería de Medio Rural e a Deputación de Ourense, destinados para material de prevención de incendios e que beneficiaron a 9 concellos do PP. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamar “transparencia e reparto equitativo de fondos”.

Rodríguez levou ao Parlamento o convenio asinado polas dúas administracións o pasado 5 de decembro en Ourense do que se beneficiarán os concellos de Avión, Boborás, Lobeira, Esgos, Oímbra, San Xoán de Río, A Teixeira, Trasmiras e Viana do Bolo, co denominador común de que todos eles están gobernados polo PP. Advertiu que “non sabemos da existencia de convocatoria pública e descoñecemos os criterios para a súa concesión”.

A responsable socialista denunciou que Xunta e Deputación “presuman” de prestar “inxentes cantidades de subvencións nominativas e concesións directas de fondos públicos”, con “criterios nunca publicitados” e cunha distribución “desigual e caciquil”. Engadiu ademais que a loita contra os incendios non é precisamente o mellor escenario para “compoñendas de partido e satisfacción rotativa de egos locais”, cando Ourense ten o 25 por cento da superficie calcinada do Estado.

Nepotismo

Sinalou á Xunta como “cómplice necesario desta forma nepótica de facer política” e esixiu que tomen exemplo das outras tres deputacións provinciais, que “xa contan cun sistema de distribución de fondos provinciais equitativo”, agrupando as partidas nun plan anual global. Desta forma simplifican trámites, impulsan criterios ponderados e reducen a discrecionalidade, “afondando nas políticas de equidade, obxectividade, transparencia e democracia plena”.

Carmen Rodríguez esixiu unha nova forma de actuar que atenda ás necesidades municipais na loita contra o lume e que desterre o “abuso político e reparto caciquil” de axudas. Reclamou transparencia, igualdade de oportunidades para os concellos rurais e o reparto de fondos a partir dunhas bases en concorrencia competitiva, coa publicación do listado de contías e concellos beneficiarios nos medios da Consellería.