A práctica totalidade do persoal galego de Iberdrola secunda a folga por un convenio digno

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A CIG-Industria desenvolveu unha concentración na sede da empresa na Rúa de Valdeorras polo mantemento do poder adquisitivo e do emprego

Ourense, 6 de xuño de 2025.

O práctica totalidade do persoal operario galego de Iberdrola secundou hoxe a folga convocada por ELA, CCOO e UGT en demanda dun convenio colectivo digno, xornada que a CIG-Industria aproveitou para desenvolver unha concentración diante da sede da compañía na Rúa de Valdeorras para reclamar a recuperación do poder adquisitivo, vinculando a revisión salarial ao IPC, e polo mantemento do emprego no noso país.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Iberdrola conta en Galiza con arredor de 250 persoas traballadoras, das que unicamente optaron por non sumarse ao paro as integrantes do equipo técnico. Mentres que o seguimento por parte do persoal operario foi practicamente total.

O delegado da CIG en Iberdrola tomou a palabra ao remate da mobilización para denunciar que seguen a perder poder adquisitivo (un 16% en catro anos) mentres os beneficios empresariais baten récords anuais (40% neste meso período) e os dirixentes, directivos e accionistas “continúan a enriquecerse a pasos axigantados”. 

Neste senso, lamentou que a compañía se negue a actualizar os salarios “como mínimo conforme ao IPC real” e a reducir a xornada laboral a 35 horas semanais, dúas das principais reivindicacións da parte social durante a actual negociación do convenio colectivo. Outras das demandas pasan por garantir o mantemento do emprego e ampliar o dereito de conciliación.

Por iso, e ante a actitude inmobilista da dirección, as centrais decidiron convocar unha primeira xornada de folga que a CIG apoiou e fixo un chamamento a secundar, aproveitando tamén para mobilizarse diante a empresa na Rúa de Valdeorras de 11:00 a 12:00 horas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------