A CIG agarda que a sentenza de casación peche dunha vez o ciclo de litixios e que o persoal contratado a través de Servicarne vexa recoñecidos todos os seus dereitos
Lugo, a 9 de xuño de 2025
O Tribunal Supremo vén de recoñecer o que a CIG leva anos denunciando: a explotación masiva de persoas traballadoras na gran industria cárnica -como Grupo Coren ou SADA PA- a través da falsa cooperativa Servicarne. Esta fraude xa fora recoñecida en diversas sentenzas de primeira instancia e nas actuacións levadas a cabo pola Inspección de Traballo e a Tesourería Xeral da Seguridade Social. A CIG, como parte recorrente, agarda agora que tras o auto do TS se resolvan en cadea os restantes recursos interpostos e que estas traballadoras e traballadores poidan, por fin, ver recoñecidos todos os seus dereitos.
A sentenza do Tribunal Supremo resolve o recurso de casación para a unificación de doutrina interposto, entre outras partes pola CIG e a Administración da Seguridade Social, contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que, en 2021, anulou a resolución de primeira instancia que declaraba a existencia de persoal falso autónomo no matadoiro de Novafrigsa Lugo. O Xulgado do Social nº3 condenaba a esta empresa do Grupo Coren a recoñecer a relación laboral de máis de 300 persoas, a abonar as cotas da Seguridade Social correspondentes ao período 2013-2017, e a recoñecer todos os dereitos individuais e colectivos destes traballadores e traballadoras.
Malia os contundentes ditames de diversos xulgados do Social das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, e varias sentenzas do TSXG na mesma liña, tanto as empresas cárnicas como a cooperativa instrumental Servicarne recorreron todas e cada unha das resolucións, intentando perpetuar a situación de explotación de centos de traballadores e traballadoras e procurando eludir o pago á Seguridade Social das cotas millonarias por esta fraude na contratación.
Agora, a decisión do TS pecha definitivamente este ciclo de litixios e recoñece os plenos dereitos deste persoal. Mais tamén implica que poderán iniciar, por fin, a reclamación da devolución das cotas que pagaron indebidamente á Seguridade Social entre 2013 e novembro de 2017, tempo no que estiveron cotizando no réxime de autónomos. Hai que subliñar que a acta de liquidación de cotas impagadas por Novafrigsa á SS estima a débeda en máis de 4,7 millóns de euros.
A CIG, ademais, reclama que se lle recoñeza a estes traballadores/as a antigüidade íntegra na empresa principal e todos os seus dereitos colectivos.
Explotación laboral nos matadoiros e salas de despece
Cómpre lembrar que durante anos o persoal de Novafrigsa, xunto con outro destinado en matadoiros e salas de despece de todo o país, sufriu unha situación de auténtica explotación como persoal falso autónomo: cotizando pola base mínima no RETA, facendo xornadas a quendas sen hora definida de saída, cobrando en funcións dos kg/hora realizados, sen dereito a descansos ou vacacións retribuídas, sen cobrar as horas extraordinarias e tendo que abonar, ademais, unha cota mensual na súa condición de persoa socia da cooperativa.
Fraude masiva no sector
No ano 2016, a CIG iniciou en solitario unha campaña de denuncia e loita contra a explotación laboral na industria cárnica. Esta acción sindical e a magnitude da fraude na contratación a través de Servicarne levou á creación dunha dirección especial da Inspección de Traballo para investigar as condicións laborais no sector.
En abril de 2019, o Ministerio de Traballo descualificou Servicarne como cooperativa de traballo asociado, decisión que foi ratificada por numerosas sentenzas posteriores da Audiencia Nacional, evidenciando que a utilización da cooperativa como fórmula para contratar falsos autónomos era unha fraude e unha estafa e que as persoas integradas en Servicarne vían limitados os seus dereitos laborais individuais, con inferiores condicións de traballo e de protección social respecto doutras empresas do sector. Ademais, polo seu traballo de persoas socias cooperativistas estaban privadas de todos os dereitos laborais de carácter colectivo.
A actual sentenza do TS tamén entra a valorar esta condición de falsa cooperativa concluíndo que o único obxectivo de Servicarne era facilitar man de obra barata e sen dereitos “a quen verdadeiramente ostenta a condición de empregador”.
Alta de oficio na Seguridade Social
Cómpre lembrar que os traballadores e traballadoras de Novafrigsa, Frigolouro, Grupo SADA e outras empresas xa foran dadas de alta de oficio en novembro de 2017 no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo.
Mais a pesar da alta forzosa na SS, as empresas intentaron perpetuar a situación de precariedade, negándose a asumir a totalidade do persoal, chegando a realizar procesos de selección a través do que pretendía modificarlle as condicións laborais, non recoñecéndolle toda a antigüidade ou mesmo exercendo medidas de acoso e persecución.