A programación do Mes do Orgullo LGTBQIA+ en Ribadavia prosigue mañá, venres día 13, coa celebración dunha edición especial do ‘Barlingüismo’, unha actividade de intercambio de linguas cun marcado carácter queer que terá lugar na Taberna Treixadura ás 20,00 horas, e que temén incluirá unha pinchada musical a partir das 23,00 h.
O programa terá continuidade o sábado 21 de xuño, tamén na Taberna Treixadura, co desenvolvemento de dúas actividades: ás 19,00 horas terá lugar o encontro “Mapeo Disidente: Ónde estamos as persoas Cuir no rural?”, unha conversa aberta sobre os retos da disidencia sexual e de xénero en contornos non urbanos; e ás 21,30 horas, o ‘Bingo Queer’, unha actividade lúdica con premios e mensaxes reivindicativas.
O Mes do Orgullo LGTBQIA+ é unha iniciativa da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ribadavia que conta coa colaboración de Taberna Treixadura, Bar Kopa, a Cruz Vermella e outras entidades locais, que se desenvolve ao longo do mes de xuño, co obxectivo de visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero, ao tempo que promove espazos de encontro, sensibilización e celebración abertos a toda a comunidade.