A sede da Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño, ubicada na céntrica rúa Perfectino Viéitez, acollerá na tarde de mañá, domingo 15 de xuño, unha asamblea extraordinaria da militancia co obxectivo de elexir unha nova comisión executiva e, tamén, ás tres persoas que representarán a ésta no comité provincial do partido.
E dúas son as candidaturas presentadas de xeito oficial para optar a dirixir esta formación política no Carballiño durante os vindeiros catro anos e nas que se inclúe, ao abeiro da normativa interna, o cargo de secretario xeral. A primeira delas está encabezada por Manuel Sotelo Vila, traballador da empresa Faurecia, que fora concelleiro de Personal, Tráfico e Seguridade do Concello do Carballiño entre os anos 2019 e 2023 e tamén directivo de Club Deportivo Arenteiro.
O recén nomeado responsable de Acción Sindical na executiva provincial do PSdeG-PSOE propón no seu equipo a actual concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Silvia Baranda, como secretaria de organización, e a Diego Fernández, edil de Cultura na actualidade e deputado provincial, para secretaría de acción electoral e política municipal. Como vogais, na candidatura de Sotelo figuran Rosa Fuentes, concelleira actual de Servizos Públicos; Sandra Fumega; Manuel Pérez Alvitos e Manuel González.
A segunda das candidaturas está liderada por Asunción Rivero Hermida, avogada, que fora concelleira de Servizos Sociais entre 2007 e 2011. Na súa proposta de grupo de traballo para xestionar o PSdeG-PSOE carballiñés, Rivero inclúe a Guadalupe Sobrado para secretaria de organización (posto que viña desempeñando nos últimos seis anos) e que fora concelleira de Servizos Sociais no anterior mandato municipal.
Acompáñana Marina Ortega, psicóloga, exdeputada no Parlamento de Galicia e exconcelleira de Servizos Sociais (2015-2019), que se encargaría da área de política social e igualdade; Ángeles Bernárdez, avogada, na secretaría de comunicación, xuventude e asuntos xurídicos; Carlos Nemesio Crespo, en acción electoral, sanidade e deportes; Óscar Domínguez, politólogo, para o eido de relacions institucionais, cultura e políticas LGTBI+, mentres Carlos Montes, licenciado en Historia e alcalde do Carballiño entre 2005 e 2011, encargaríase de promoción económica, formación e turismo.
A militancia está citada mañá entre as 18,00 e as 21,00 horas para votar unha destas dúas opcións, de xeito que a gañadora terá a responsabilidade de marcar a futura liña política do PSdeG-PSOE carballiñés e, tamén, de confeccionar e presentar unha candidatura para as eleccions municipais de 2027, co obxectivo de superar os resultados obtidos hai dous anos.