

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal a declaración de ‘festa de interese turístico de Galicia’ para a Semana Santa do Carballiño, a única da provincia de Ourense xunto a outras tres da Coruña e Pontevedra. O correspondente expediente de solicitude para obter este nomeamento foi tramitado polo Concello carballiñés e a Confraría da Vera Cruz, entidade que dende hai 15 anos encárgase da organización dun amplo programa de actividades relixiosas e culturais coa colaboración da parroquia de San Cibrao.
A nivel histórico, a Semana Santa do Carballiño iniciou a súa andaina no ano 1893 e coincidindo coa fundación da parroquia ccarballiñesa de San Cibrao de Señorín, que posteriormente se trasladaría á vila do Arenteiro. Ao longo do tempo desenvolveu características propias, como a forma de procesionar (dobre ombreiro ou falso costal) ou composicións musicais singulares, que foron promovidos pola devandita Confraría, que preside Rafael Melero.
Foi precisamente a iniciativa deste colectivo a que se concretou nunha programación estable no eido litúrxico e a incorporación de procesións e pasos de Semana Santa, ademais da organizar ciclos de conferencias, publicacións, concertos de música sacra, exposicións e roteiros para dar a coñecer o patrimonio relixioso do municipio do Carballiño.
Os outros eventos galegos declarados ‘de interese turístico’ pola Xunta foron as celebracións, na provincia da Coruña, das Carrozas de San Cidre, na parroquia de Boqueixón, e a Feira Cabalar de San Martiño de Francos, na parroquia de Teo. Xa en Pontevedra, o nomemento correspondeu á feira tradicional dos Remedios, na vila de Ponteareas, que xunto a Semana Santa carballiñesa suman un total de 142 festas con esta catalogación.
Na declaración de cada evento valoráronse a creatividade e innovación da celebración dos eventos; o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos, e o adecuado coidado do contorno ou a afluencia de visitantes, entre outros. En abril, o Consello de Turismo -órgano de asesoramento na materia- informou favorablemente sobre estas celebracións.