Os grupos municipais de PSdeG-PSOE e Partido Popular da Corporación do Carballiño rexeitaron a moción de Espazo Común na que se pedía un posicionamento claro sobre o Pacto Antitransfuguismo do Estado, nunha sesión plenaria extraordinaria solicitada pola formación política que lidera Manuel ‘Pachi’ Vázquez. Os cinco votos do seu grupo non foron suficientes fronte aos 11 do equipo de goberno do Concello, mentres a voceira do BNG, Sofía García, declinou participar na votación a pesares de amosar unha postura crítica sobre o acordo entre populares e socialistas para gobernar o Concello.
A cuestión de fondo estaba plantexada para poñer en evidencia a situación do alcalde, Francisco Fumega, que foi suspendido cautelarmente de militancia –e así o confirmou o propio rexedor- pola dirección do PSdeG por asinar, hai agora un ano, o pacto de goberno co PP. O voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira, asegurou, ao respecto, que as informacions que tiña apuntaban a que Fumega, ao que calificou de ‘tránsfuga’, estaba expulsado, e o único que éste buscaba co acordo “é manterse na silla”. Neste sentido e dirixíndose á bancada popular, Nogueira engadíu que “o señor Fumega arranxou o seu, pero o de vostedes é de delito, xa que o pacto de goberno é contranatura”.
Pola súa banda, Sofía García salientou que “o único que xera o transfuguismo é o alonxamento da política por parte da cidadanía”, e que se o pacto PSOE-PP era para dar estabilidade e mellorar O Carballiño, “na actualidade non hai nada diso”. O voceiro do PP, José Castro-Gil, apuntou que “o mellor exemplo de transfuguismo tédelo nas vosas filas, con Pachi primeiro no CDS e despois no PSOE ata que creou un partido á súa medida”, e puxo exemplos dos proxectos que puxo en marcha o Concello, “que é o que lle interesa aos veciños, non iste circo”.
O voceiro socialista na Corporación, Diego Fernández, lembrou que tódalas candidaturas presentadas por Espazo Común nunha vintena de concellos de Galicia “estaban integradas por exsocialistas”, e subliñou que “vostedes son os tránsfugas ao pasar dun partido a outro”. E tamén indicou que “chegamos a puntos de acordo co PP que se concretaron en proxectos como o da rúa Ourense, o Plan Turístico, o contrato de xestión da auga e a a mellora da limpeza viaria, pero son cousas que a vostedes (Espazo Común) non lles gustan”. E apuntou que “estamos a punto de chegar aos 15.000 habitantes e somos a primeira vila turística de referencia da provincia e do interior de Galicia”, ademais de promover un amplo programa cultural de gran calidade.
Fernández propuxo a Espazo Común modificar a proposta para darlle ao seu apoio, “incluíndo que tamén condenamos o transfuguismo de Espazo Común”, iniciativa que motivou unha risotada entre este grupo da oposición. A sesión rematou cun enfrontamento verbal entre Pachi Vázquez e o edil socialista, quen rexeitou unhas afirmacións desafortunadas feitas por aquél sobre a súa familia.