Ribeiro en Común reclama o arranxo da capela de San Xés de Francelos e a súa contorna

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal de Ribeiro en Común vén de presentar unha moción para o seu debate por parte do Pleno da Corporación de Ribadavia, na que solicita do Concello instar á Deputación de Ourense para que inclúa a capela de San Xés de Francelos no convenio aprobado recentemente co Bispado para o arranxo de nove igrexas da provincia. Ademais, tamén se pide ao Concello ribadaviense que inicie a redacción do Plan Director de San Xés, como paso previo á rehabilitación e mellora da súa contorna.

O voceiro de Ribeiro en Común, Brais Fidalgo, lembra que “en 2024 xa reclamamos nunha moción que o goberno municipal comezara a redactar o Plan Director de San Xés, requisito previo que Patrimonio esixe para poder levar a cabo a súa mellora e rehabilitación. Sen embargo, non nos consta que fixera algo ao respecto, a pesar de que foi unha das promesas estrela hai máis de dous anos nas eleccións de maio de 2023”. Engade que, “agora, tras dous anos de goberno a capela de San Xés sofre danos e un mal estado no seu adro”.

Por outra banda, dende Ribeiro en Común salientan o feito de que “esta mesma semana, tamén, a Deputación de Ourense, que vicepreside o alcalde de Ribadavia, anunciaba que vai financiar o arranxo de nove templos históricos (ningún de Ribadavia ou do Ribeiro) a través dun acordo co Bispado,  que recibirán arranxos nas súas cubertas e muros, e se repararán humidades”.

Por elo, dende este grupo político de Ribadavia demándase “que o Concello lle reclame á Deputación que inclúa a San Xés nesta primeira mellora, que sería de conservación, e polo tanto sen necesidade de Plan Director”.