O Padroado do Museo da Limia culmina, coa publicación dunha Antoloxía poética, os actos conmemotativos do centenario do nacemento do poeta limiao Antón Tovar.

A obra foi presentada en Vilar de Santos, coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística.

O día 10 de marzo, apenas un ano despois de conmemorarmos con distintas actividades o centenario do nacemento de Antón Tovar, presentouse no Museo da Limia (Vilar de Santos) –promotor da publicación– a Antoloxía poética, editada por Xerais (Vigo, 2023), que recolle 67 composicións  dos 7 poemarios galegos do autor e que compendia a creación de case 40 anos, desde Arredores (1962) até Cadáver adiado (2001). O acto contou coa participación destas persoas: Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Sara Vila, responsábel de comunicación de Edicións Xerais; Delfín Caseiro, responsábel da antoloxía; Xosé Lois Carreira, autor das ilustracións; Xesús Alonso Montero, autor do limiar; Anxo Rei, creador do disco A rabela da pluma (2006), con poemas de Tovar. Actuou como mestre de cerimonias Antón Jardón, coordinador do museo.

AVANTAR ACTIVIDADES

A institución limiá, con vocación de entidade aberta e dinámica, ten un especial empeño en promover e difundir as creacións que se producen no territorio.A Biblioteca da Limia recolle, desde o ano 2018, boa parte da producción de máis de cincuenta autores, entre eles o poeta da Pereira (Rairiz de Veiga, 1921 – Ourense, 2004).

Os actos de celebración do centenario do seu nacemento,  organizados polo museo no ano 2021, procuraban potenciar a presenza do poeta en todos os ámbitos. Con esta antoloxía poética, idea do profesor Alonso Montero e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a entidade museística quere levar aos centros educativos e aos fogares galegos a poesía auténtica e vivencial de Antón Tovar, unha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX. A nosa gratitude máis sentida aos herdeiros do escritor por teren cedido á institución cultural os dereitos de autor desta edición, que han de ser destinados á promoción e  á difusión da creación tovariana.

A obra, que se abre con espléndido limiar do amigo e camarada Alonso Montero, seguido dunha breve introdución biográfica da autoría de Delfín Caseiro, e que conta con 6 fermosas ilustracións do artista limiao Xosé Lois Carreira, presenta os textos ordenados de maneira temática e cronolóxica en 12 apartados. Estas son as epígrafes que os preceden: A procura da identidade; Saudade das paraxes de outrora; O paraíso da infancia; A defensa dos desherdados; O panteísmo animista; O nihilismo; O pensamento: a vida, o medo, Deus, a morte; O amor, o erotismo, a Tucha; Contra a inxustiza e a opresión; A reivindicación da lingua; A palabra creativa; Varia. 

As angueiras existenciais da condición humana, que tan ben soubo trasladar o creador aos seus textos, van connosco en todo tempo. Estes versos que nacen do íntimo teñen de suscitar profunda emoción e reflexión crítica a cantos se deixen seducir pola súa lectura.

Antes da presentación da Antoloxía, e despois de inaugurar a exposición coas láminas das ilustracións da mesma, a Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia, entregoulle os carnés de Amigos/as do Museo a:

  • Aos/ás catro herdeiros de Antón Tovar, en agradecemento pola cesión, ao Padroado do Museo da Limia, dos dereitos de autor que gardan relación con esta obra.
  • Ao Secretario Xeral de Política Lingüística, pola súa colaboración na edición da Antoloxía.
  • A don Xesús Alonso Montero, pola elaboración do prólogo.
  • A Xosé Lois Carreira como autor das ilustracións e pola súa cesión gratuíta ao Padroado do Museo da Limia.
  • Ao músico valdeorrés, Anxo Rei, pola colaboración desinterasada co Museo.