Bandas emerxentes, cantantes solistas, breakdance e grafiti forman parte das actuacións e actividades desta primeira edición dun evento que busca dar visibilidade aos artistas da provincia
O director da área de Cultura, Marcos Vázquez, destacou durante a presentación do programa a “visibilidade do talento mozo” que se acadará con este proxecto
Fernando Calvo, de La Casa de la Música, definiu o programa como “unha patada no tecido musical de Ourense”
Marcos Vila, xerente do Centro Comercial Ponte Vella, reivindicou o apoio do comercio a este tipo de actividades
Ourense, 20 de xuño de 2025.
A Deputación de Ourense, a través da área de Cultura e co apoio da academia La Casa de la Música, organiza o evento “Ourense musical. Vive os sons de Ourense”, que se celebrará o próximo venres 27 de xuño, a partir das 19,00 horas, con entrada gratuíta nos arredores do centro comercial Ponte Vella. Marcos Vázquez, director da área de Cultura da Deputación, presentou hoxe a programación, acompañado por Fernando Calvo, de La Casa de la Música e Marcos Vila, xerente do centro comercial Ponte Vella, un dos colaboradores do evento.
“Ourense musical. Vive os sons de Ourense” constitúe unha oportunidade para que os nosos mozos e mozas compartan música e fomenten a cultura, dándolles visibilidade, tal e como explican dende a área de Cultura.
Marcos Vázquez destacou durante a presentación no Pazo Provincial o traballo feito “a prol do talento da mocidade e da súa visibilidade” e agradeceu a ilusión de todos os colaboradores.
Por outra banda, Fernando Calvo definiu “Ourense musical” como “unha parada no tecido musical de Ourense” e animou aos asistentes a acudir ataviados como “estrelas do rock” e desfrutar das actividades.
Marcos Vila reivindicou a “sensibilidade do comercio” coa música e con este tipo de proxectos que apoia o Centro Comercial Ponte Vella.
“Ourense musical” está dirixido a todos os públicos, aínda que especialmente enfocado a apoiar a mozos músicos e artistas de diversas disciplinas, ofrecéndolles un espazo e unha oportunidade de amosar o seu talento. Deste xeito, haberá actuacións de bandas emerxentes e cantantes solistas, así como actividades de rap, breakdance, DJs, grafiti, batucada e sorteos.