
O Concello do Carballiño, a través da área de Servizos Públicos e Benestar Comunitario, que dirixe a concelleira socialista Rosa Fuentes, renovará un total de 18 zonas verdes da vila coa colocación de 900 plantas, céspede e adoquín de pedra. A intervención, que inclúe a Alameda, a praza do Emigrante e a da Veracruz, busca mellorar e embelecer os espazos naturais da localidade que se atopaban en malas condicións ata o de agora, e favorecer así o desfrute da poboación do entorno natural do Carballiño.
A intervención, adxudicada a Extraco por case 20.000 euros, tamén inclúe a colocación dunha varanda de vidro laminar entre o parque infantil e a entrada ao párking da Alameda. A estructura mellorará a seguridade do espazo de xogo, unha demanda reiterada entre as familias usuarias. Neste sentido, a concelleira Rosa Fuentes salienta a a importancia desta actuación, que evitará o risco de caída de nenos e nenas.
O prazo de execución é de dous meses, nos que se renovarán por completo as plantas, pero tamén a rede de rego das zonas verdes. O novo sistema permitirá o mantemento adecuado durante todo ano dos preto de 900 exemplares, escollidos tendo en conta a climatoloxía do Carballiño. Entre as especies elixidas hai pequenas árbores e arbustos de folla perenne como azaleas ou gardenias.