O Museo do Viño de Galicia acolle dende mañá e por quinto ano consecutivo unha nova edición da ‘Cata Sonora’, un ciclo de concertos de moi diversos xéneros musicais en xullo e agosto que contará con artistas tanto da comunidade como nacionais e que compartirán o seu talento nun recinto incomparable e de gran beleza como é a terraza exterior do museo.
Un espazo cun atardecer e un silencio pracenteiro só interrompido pola sonoridade da campá da igrexa de Santo André de Camporredondo, parroquia onde está ubicado o Museo do Viño. ‘Cata Sonora’ é unha aposta pola boa música, pola cultura e polo etnoturismo na comarca do Ribeiro.
A programación ábrese mañá, 3 de xullo, co concerto dos galegos Mister Cool&Vadim Yukhnevich, que comezará ás 21,00 horas con entrada libre ata completar o aforo e con degustación dunha copa de viño na zona lounge. Para este mes de xullo tamén está prevista, o día 10, a actuación de Jimmy Barnatán, de Santander.
Xa en agosto, o programa comezará, o día 7, con Jeff Espinoza&Gaby Jogeix, de Madrid, e continuará, o día 21, co recital da galega Ángeles Dorio, para rematar, o día 28, cos tamén galegas Olga Brañas e Susanna Blanco.