O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia que o alcalde do municipio e vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández, vén de perder unha subvención do ente provincial para a confección do rueiro municipal. As e os socialistas afirman que a solicitude do consistorio foi rexeitada “por non emendar as deficiencias existentes no proxecto presentado, unha vez transcorrido o prazo de emenda concedido”.
Dende o grupo municipal socialista destacan que “estamos ante un feito de extrema gravidade”, xa que tal e como apuntan “atopámonos cun alcalde incapaz de acadar subvencións, incluso cando veñen dunha entidade da que é vicepresidente”. As e os socialistas explican que a Deputación sacou un concurso de subvencións para concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes, para a confección de cartografía dixital do rueiro municipal e elaboración e colocación de placas de identificación”.
As e os concelleiros do PSdeG-PSOE subliñan que “namentres concellos con menos habitantes que Ribadavia si poderán optar á subvención, o noso municipio non poderá contar con eses cartos ante a desidia e deixadez do equipo de goberno municipal”. Asemade tamén se preguntan que “capacidade ten o alcalde para dirixir un concello, cando é totalmente incapaz de corrixir as deficiencias técnicas para optar a subvención da Deputación da que é vicepresidente?”.
“Estamos ante un alcalde que perde subvencións, pero non perde a oportunidade de subirlle as taxas da auga, o lixo e a axuda no fogar á veciñanza”, alertan as e os socialistas. Neste senso tamén apuntan que “atopámonos ante unha forma de gobernar nunca vista, pois temos un alcalde que non é capaz de conseguir investimentos doutras administracións, e ante esta incapacidade, opta por quitarlles os cartos aos veciños e ás veciñas dos seus petos”.
Dende o PSOE ribadaviense esíxenlle ao goberno municipal que “se poña a traballar dunha vez por todas por Ribadavia e a súa veciñanza” e pídenlles que “se esforcen a hora de presentar proxectos para optar a subvencións e cumpran cos prazos establecidos nos pregos”. As e os socialistas consideran que a perda desta subvención “é un novo mazazo para unha vila, na que o seu goberno municipal amosa día a día a súa incapacidade de atraer investimentos e que nestes dous anos de mandato vive somerxida no máis absoluto abandono”.
Por último, as e os socialistas de Ribadavia advirten ao alcalde de que en política “non todo vale” e pídenlle que, dunha vez por todas, “mire polos intereses da vila e presente tódolos proxectos necesarios para conseguir o financiamento necesario para investimentos”. Denuncian que nestes dous anos de mandato “o alcalde e o seu equipo foron incapaces de atraer ningún investimento de calado para o concello”.