A mellora das condicións da convivencia entre a fauna silvestre e a poboación local, entre as medidas reclamadas.
Esiximos poñer atención á existencia de especies exóticas invasoras que poñen en grave risco a actividade agraria, como a Vespa Velutina.
Compostela,2 de xullo de 2025. Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, gandeira e produtora de faba en Lourenzá; e Xosé María García, integrante da Executiva Nacional e labrego en San Sadurniño, reuníronse esta mañá, martes 2 de xullo, coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, onde fixeron entrega dunha batería de medidas que cómpre atender coa máxima urxencia.
Entre elas destacan a mellora das condicións da convivencia entre a fauna silvestre e a poboación local, o desenvolvemento dun programa integral de xestión das poboacións silvestres, anticipándose aos ataques e a cobertura total dos mesmos. Ademais, ponse atención aos casos concretos do oso, o lobo, o voitre, o xabarín, o corzo e outras especies de cérvidos, propoñendo métodos de protección, solucións e cobertura dos danos causados. O Sindicato Labrego Galego tamén lle recordou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a existencia de especies exóticas invasoras que poñen en grave risco a actividade agraria, como é o caso da Vespa Velutina que está a provocar a perda de centos de colmeas por todo o territorio.
“A primeira valoración é que compartimos a preocupación por buscar unha convivencia axeitada entre as actividades agrícolas e gandeiras e a protección da fauna silvestre, tendo en conta o estado sanitario das poboacións e como traballar para que non haxa risco e transmisión de enfermidades”, sinalou Isabel Vilalba, secretaria do SLG, ao saír da xuntanza. “Tamén tratamos cuestións xerais como a necesidade de cubrir o cen por cento dos danos que se producen para ter un diagnóstico moi ben elaborado a nivel de concellos e non só con carácter provincial. E a importancia de actuar desde a prevención“.
Pola súa banda, Xosé María García, da Executiva Nacional, destacou a receptividade por parte da Dirección Xeral, pero con puntos nos que hai acordo e outros nos que non tanto; e a importancia de que estas reivindicacións se manteñan no tempo.
“Non acabamos de entender os criterios técnicos para manter determinado tipo de axudas ou non, pero en xeral si que houbo unha boa receptividade e a atención á posibilidade de que presentemos propostas, proxectos ou iniciativas experimentais e piloto”, explicou García. “Outra cousa é ver se isto despois se mantén no tempo e se realmente chegamos a algún lugar. Quedamos pendentes de ver como reciben na Dirección Xeral as propostas concretas que lles fagamos”.
A seguir, a batería de medidas entregada polo Sindicato Labrego Galego á Dirección xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia
1.- Existe unha importante preocupación polos danos da fauna silvestre nos cultivos e no gando, e a necesidade de ter un diagnóstico preciso da situación actual para implementar medidas concretas. Debemos buscar mellorar as condicións de convivencia entre a fauna silvestre e a poboación local, e en ningún caso alimentar o enfrontamento entre rural e urbano, persoas gandeiras e de outros colectivos, ecoloxistas e outros colectivos... En moitas ocasións só se documentan os danos até chegar a contía da axuda máxima que concede a Xunta de Galicia cada anualidade (no 2024 máximo 2.750 euros por beneficiaria), deixando sen recoller outras superficies, polo que non temos unha imaxe precisa dos danos causados.
2.- Resulta imprescindíbel o desenvolvemento dun programa integral de xestión das poboacións silvestres dende todos os puntos de vista: sanitario, poboacional, coas diferentes medidas que poidan desenvolverse para previr danos ou reducir danos…
3.- Precisamos anticiparnos aos danos e non ofrecer respostas cando xa se produciron os danos. Por exemplo, no caso do lobo fináncianse pechamentos cando xa hai danos pero sería importante estender a posibilidade de axudar para adoptar estas proteccións nun radio de seguridade maior, no que se considere factíbel o desprazamento dos animais e, polo tanto, os ataques.
4.- Débense cubrir a totalidade dos danos producidos. Moitas veces non é posíbel adoptar todas as medidas preventivas en todos os lugares polo que non deben esixirse para pagar os danos. Por exemplo, ter mastíns en zonas nas que hai rotas de sendeirismo ou xente allea que usa este espazo de xeito habitual, esixir pechamentos en zonas protexidas nas que non poderían construírse, ou polo uso lóxico e tradicional de espazos abertos, por exemplo, no Xistral (con turbeiras…) non poderían facerse eses peches en moitos lugares…
5.- No caso do oso, sabemos que hai un seguimento por parte do Servizo de Gardería de Asturias. Queriamos ter un maior coñecemento do programa que se está a desenvolver en Galiza: seguimento de exemplares, plantacións de froiteiras para a súa alimentación e que non baixen ás zonas poboadas… Podería facerse un sistema de monitorio e alerta cando se acheguen a zonas poboadas. Propoñemos financiar métodos de protección, como construír ou recuperar alvarizas, medidas para concellos nun radio de seguridade, non só onde hai ataques, pechamentos con 4 fíos ou máis que se demostren efectivos….
6.- No caso do lobo, propoñemos que se fagan proxectos piloto financiados na súa totalidade para ensaiar o perimetrado de zonas para partos e crías… A axuda para alimentación de mastíns debe cubrir os anos de vida dos animais e non ser puntual. Existen outros problemas como a pouca eficacia de mastíns comprados en criadeiros… Deben cubrirse tamén os gastos veterinarios dos animais de garda. É necesario facer diferentes planos específicos nas zonas, adaptados ás zona concretas. Existe por exemplo unha falta de adaptación das axudas para o pechamento de superficies amplas, por exemplo as de montes veciñais… Propoñemos que se realicen distintos estudos de alimentación disuasoria. Por exemplo, determinar cales serían as baixas estimadas “normais” na gandería extensiva dunha zona concreta se non houbese a obriga de retirada de cadáveres. Establecer coa colaboración das persoas gandeiras e dos servizos de gardería un xeito de deixar os cadáveres de animais que se determine con claridade que o seu consumo non vai supor a transmisión de ningunha enfermidade, por exemplo, animais mortos no nacemento, porque romperon unha pata, restos de animais que xa foron atacados… Estudar se hai unha redución de danos. Estudar con claridade as zonas de ataques e ver que medidas se poden adoptar para reducilos danos. Un dos obxectivos debe ser recuperar greas grandes de cabalos no monte, polo que se precisa financiar con intensidade estes animais (custos, medidas sanitarias, reposición…).
7.- No caso do voitre, en canto animal carroñeiro que é, é preciso establecer un programa de xestión de preas, que debe estudarse de acordo tamén ao que se determine de interese para a alimentación do lobo. Habería que cubrir tamén os danos que producen estes animais, raposos, corvos… Cómpre unha xestión integral que axude a un bo funcionamento da cadea trófica.
8.- No caso do xabarín é importante coñecer os datos da evolución das poboacións, exemplares abatidos…. É fundamental realizar un monitorio sanitario preciso con mostras numericamente significativas dos exemplares cazados, especialmente daquelas epizootias que poidan transmitirse aos animais domésticos como brucelose ou tuberculose, que se manteñen en reservorios silvestres como as poboacións de xabaríns ou cérvidos. As axudas deben cubrir o 100% dos danos. O número de exemplares debe estar en equilibrio co territorio para evitar os danos que se están a facer nos cultivos, accidentes de circulación… É importante determinar e actuar sobre zonas en abandono nas que poidan multiplicarse esaxeradamente próximas ás zonas de cultivo, estradas… Debería actuarse para irmos avanzando nun monte máis biodiverso no que se poidan alimentar estes animais, sen baixar ás zonas poboadas e de cultivo. Pódense incentivar neste sentido plantacións e parcelas de cultivo con este fin no monte, e mesmo alimentación disuasoria por parte dos tecores en momentos críticos para os cultivos pola súa vulnerabilidade ante ataques.
9.- En canto o corzo e outras especies de cérvidos, por unha banda considerase fundamental que haxa un control sanitario sobre estas especies por poder ser vectores de contaxio, así como en determinadas zonas apreciase é un problema para as granxas tanto porque xeran importantes danos nos peches das fincas, como porque se alimentan nos mesmos prados da granxa e provocan certas perdas de entidade nas mesmas.
10.- Temos que ter en conta tamén a existencia de especies exóticas invasoras que poñen en grave risco a actividade agraria, como é o caso da Vespa Velutina que está a provocar a perda de centos de colmeas por todo o territorio, e comprometendo a viabilidade económica das persoas se dedican á apicultura, pero non so iso, supón xa un problema gordo para outros sectores como o do viño ou a froita, aparte de ser un problema para a saúde humana e para o benestar das persoas traballadoras como o son as traballadoras forestais. Neste sentido é necesario inverter máis fondos para o seu control, e plans de actuación xerais que comprometan a propia Xunta de Galicia, FEGAMP, Deputacións, Concellos, Universidades e persoas afectadas. É necesario establecer protocolos de actuación que permitan ir xerando zonas tampón que permita manter a súa presencia en cotas asumíbeis, tamén é necesario dar cobertura ante as perdas as persoas abelleiras e traballar máis para regular e coñecer como afecta a propia especie pero tamén o medio ambiente medidas de loita biolóxica como os troianos.
11.-Ante a postura do Ministerio respecto á poboación de lobo e a súa viabilidade, sería importante estudar e levar adiante proxectos de reequilibrio territorial das poboacións. Semella que nalgunhas comunidades hai un muro que frea esa expansión presentando unha distribución moi desequilibrada das poboacións actuais.