A Xunta traballa para intensificar o servizo das mesas locais contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sinala a importancia do funcionamento das mesas locais contra a violencia de xénero para fortalecer a coordinación e cooperación institucional fronte á violencia machista.

A Xunta está a traballar para intensificar o labor das mesas nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen. A posibilidade de dispor de mesas de coordinación destas características está aberta aos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada en 2012 no marco dun protocolo de colaboración asinado pola Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp).

AVANTAR ACTIVIDADES

No marco deste traballo para fortalecer o funcionamento destas mesas locais de coordinación, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebrou o pasado ano catro xornadas nas que asistiron preto de 90 profesionais (36 na Coruña, 11 en Lugo, 18 en Ourense e 24 en Pontevedra) sobre divulgación da diagnose e recollida de propostas de traballo e sesións de formación e dinamización para facer fronte á violencia machista.

Xerar un espazo de intercambio e coñecementos sobre boas prácticas e, a súa vez, recoller novas accións de intervención para unha maior transferencia das experiencias desde os territorios respecto das  accións contra a violencia de xénero foi o obxectivo principal das catro xornadas que se desenvolveron nas catro provincias galegas e que estiveron dirixidas principalmente aos técnicos das áreas de igualdade dos concellos galegos.

López Abella apuntou que é “preciso seguir mellorando a resposta institucional e a posta en marcha de novas medidas para abordar dun xeito cada vez máis eficaz as situacións de violencia de xénero”, unha eficacia que, segundo subliñou, pasa pola “coordinación entre as institucións e os servizos públicos implicados, para atender con axilidade as necesidades das mulleres que sofren unha vulneración dos seus dereitos a causa da violencia  machista”.