O Psdeg-Psoe de Pereiro de Aguiar insta ao concello á implantanción de cursos de natación e outras actividades nas piscinas municipais e nas piscinas de Monterrei

Os socialistas tamén lle piden ao goberno municipal que proceda a apertura da piscina municipal de Veiga de Abaixo dende mediados de xuño a mediados de setembro, adecuándose a normativa sanitaria

Apostan porque o Concello se comprometa a solicitarlle á Xunta de Galicia, bonificacións nos prezos da entrada as piscinas de Monterrei para os veciños e veciñas de Pereiro de Aguiar

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de presentar unha moción para debate no vindeiro pleno municipal na que insta ao Concello a implantación de cursos de natación e outras actividades nas piscinas municipais e nas piscinas autonómicas de Monterrei. Os socialistas tamén apuntan a necesidade da apertura da piscina municipal de Veiga de Abaixo dende mediados de xuño a mediados de setembro, adecuándose a normativa vixente de acordo coas autoridades sanitarias.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén apostan porque o goberno municipal se comprometa a solicitar da Xunta de Galicia, bonificacións nos prezos da entrada as piscinas de Monterrei para os veciños e veciñas de Pereiro de Aguiar.

Os socialistas apuntan a que esta iniciativa trata de “fomentar” e darlle a importancia que merece ao deporte e a actividade física no municipio. O valor educativo do deporte é en palabras do Grupo Municipal Socialista “indubidable” xa que tal e como apuntan “non só evita o sedentarismo ou a obesidade infantil, senón que tamén permite inculcar valores coma o esforzo, o traballo en equipo, a disciplina o compromiso ou o xogo limpo”. Os socialistas avogan polo deporte coma “un dereito que desenvolve, fomenta e promove a calidade de vida dos cidadáns”.

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar subliñan que a natación “é un dos deportes máis completos e beneficiosos que existen”, alegando entre outros motivos que se pode practicar a calquera idade. Por elo consideran de “vital importancia” fomentar este deporte no municipio “tanto entre as persoas da terceira idade como entre as crianzas”. Pereiro de Aguiar conta con máis de 500 nenos e nenas de entre 0 e 10 anos e unha poboación superior aos 1.500 habitantes que superan os 65 anos.

Con estes datos na man, os socialistas consideran “imprescindible” permitir que tanto as crianzas, como os maiores de 65, e o resto da poboación de Pereiro de Aguiar “poda contar cunhas instalacións públicas acordes e con cursos para poder realizar este tipo de deportes acuáticos”. Manifestan tamén que por mor da COVID-19 “produciuse un aumento da inactividade física, o sedentarismo e outros problemas de saúde”, motivo polo que afirman que “é máis necesario que nunca actividades deportivas enfocadas a toda a poboación e de xeito especial a nenos e nenas e aos nosos maiores”.

Pereiro de Aguiar conta con dúas piscinas públicas na época estival, unha de titularidade municipal, situada na urbanización de Veiga de Abaixo e outra de titularidade autonómica no complexo deportivo de Monterrei. Para esta última, os socialistas avogan por “bonificacións en favor da veciñanza de Pereiro de Aguiar” xa que consideran que “os veciños e veciñas deben ter algún beneficio nunha piscina que está situada no noso termo municipal”.