O proxecto de rehabilitación do BIC da Fortaleza de O Castro recibirá financiamento con cargo ao Programa do 1,5% Cultural

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informa que a Comisión Mixta do 1,5% Cultural, presidida polo secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, e composta por representantes de Mitma e do Ministerio de Cultura e Deporte, elevou unha proposta ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o financiamento de 5 novas actuacións en Galicia como consecuencia da convocatoria publicada en xaneiro de 2020.

Na provincia de Ourense o proxecto da segunda fase de rehabilitación do BIC da Fortaleza de O Castro, en O Barco de Valdeorras, recibirá financiamento do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana con cargo ao Programa do 1,5% Cultural. Emilio González salientou que o Mitma aportará o 69% do presuposto total da actuación, que ascende a 305.475,86 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O subdelegado do Goberno subliñou que “esta iniciativa establécese como unha segunda fase dentro do conxunto de intervencións no BIC de O Castro co obxectivo da posta en valor do núcleo histórico e o estudo histórico e arqueolóxico do mesmo”.

Con este novo proxecto preténdese levar a cabo a rehabilitación do entorno do BIC de O Castro, incidindo sobre a recuperación do conxunto da muralla e os espazos interiores do primeiro anel amurallado e mellorando as condicións do espazo público para permitir o estudo, a restauración e a posta en valor da muralla e dos restos arqueolóxicos presentes.

A resolución provisional permitirá continuar co procedemento ata a adopción da resolución definitiva, condicionada esta á aprobación dos proxectos e ás aportacións financeiras comprometidas. A partir desta resolución provisional os participantes disporán de 10 días para aceptar a axuda e de 90 para presentar toda a documentación. Cabe destacar que en tanto non se notifique a resolución de concesión definitiva ao futuro beneficiario, non se crea ningún dereito a favor do mesmo.

Esta segunda fase permite dar continuidade á actuación desenvolvida no ano 2012 consistente na rehabilitación da Torre da Homenaxe e o seu entorno máis inmediato e que tamén foi cofinanciada polo Ministerio de Fomento con cargo ao Programa do 1% Cultural. A primeira actuación realizada sobre o BIC supuxo o inicio dun proceso de transformación do conxunto medieval de O Castro que tivo unha ampla incidencia no lugar e en toda a comarca de Valdeorras.

PROGRAMA DO 1,5% CULTURAL

O Programa do 1,5% Cultural é a principal ferramenta da Administración Xeral do Estado para responder ao mandato constitucional polo que os Poderes Públicos deben garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran.

Para ese fin a Lei de Patrimonio Histórico estableceu a porcentaxe mínima do 1% a aplicar sobre o presuposto das obras públicas que se executan pola Administración do Estado. Máis alá desa obriga, o Mitma (antes Ministerio de Fomento) ampliou en 2014 a súa aportación a este obxecto do 1% ao 1,5% do presuposto das obras que licita.

En Galicia o Mitma prevé aportar nesta convocatoria un total de 3.072.041,39 euros a proxectos de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico español con cargo a estes fondos.

investimento total en Galicia polas entidades e administracións participantes, incluíndo as aportacións do Estado, e destinada á recuperación e posta en valor destes elementos patrimoniais declarados de interese cultural, é de 4.970.679,56 euros.

Esta convocatoria de axudas para a conservación e enriquecemento do Patrimonio Histórico Español é a cuarta publicada por este procedemento de concorrencia competitiva, que prima os principios de transparencia, publicidade e concorrencia.