O Psoe denuncia a “inacción” da Xunta e o Concello para dar solucións aos problemas de auga tóxica en Castrelo

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “inacción” dos gobernos local e autonómico do Partido Popular para dar solucións aos problemas de auga tóxica coa que convive a veciñanza de Castrelo de Miño nos últimos anos. Os socialistas denuncian que a presencia de arsénico na auga fai que esta non sexa apta nin para o consumo humano, nin tampouco para realizar tarefas de regado de cultivos, pero pese a todo nin o Concello, nin a Xunta fixeron nada por solucionar esta problemática sanitaria, que afecta a numerosas parroquias do municipio, máis aló de “parches pouco eficaces e que non aportan ningún tipo de solución definitiva”.

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá en Castrelo de Miño, na que estiveron presentes a voceira dos socialistas da localidade, Catalina González; representantes da agrupación local socialista; o voceiro provincial, Rafael Rodríguez Villarino; e o vicevoceiro na Deputación e deputado da comarca do Ribeiro, Nacho Gómez; púxose sobre a mesa a situación actual, trala declaración de emerxencia sanitaria debido aos “elevados” niveis de arsénico na auga. Unha situación que non é nova e que vense producindo dende o ano 2005, cando se declarou a localidade como zona con elevación de arsénico na auga.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño levan anos loitando por buscar solucións a esta problemática e presentáronse varias iniciativas no Parlamento de Galicia, nas que se pedía unha partida orzamentaria para a construción dunha estación de captación e bombeo no río Miño, onde non hai presencia deste elemento químico. Os socialistas da localidade tamén presentaron unha moción neste senso, que contou co apoio do PP e a abstención do BNG, pero o único que se logrou foi a instalación duns filtros especiais que minimizaban o problema, pero que tal e como apuntan os socialistas “non foi máis que un parche que xa avisamos que non sería viable a longo prazo”.

A voceira do PSdeG-PSOE no municipio, Catalina González Álvarez, relata que a situación “é límite” e esíxelle ao goberno municipal que “informe como é debido a veciñanza sobre os problemas do arsénico, xa que se instalaron carteis en varios puntos nos que se indica que auga está sometida a controis sanitarios, pero non é certo, xa que é auga con arsénico, o que xera gran confusión entre a veciñanza e incluso entre ciclistas e persoas que circulan polo noso municipio e beben destas augas tóxicas”. A edil socialista tamén vén de solicitar que “se nos facilite unha copia de todas as analíticas realizadas na captación de Coto Novelle, na que se descubriu altos niveis de arsénico, así como das realizadas nas fontes e no colexio de Astariz, xa que nos consta que non se están realizando como corresponden”.

González Álvarez tamén denuncia a “falta de transparencia” do goberno municipal a hora de informar desta grave crise sanitaria, así como das solucións formuladas, xa que tal e como relata “temos que entearnos a través das redes sociais e da prensa”. Dende o Grupo Municipal Socialista esíxenlle ao goberno municipal que “as palabras vaian acompañadas de feitos, xa que hai un problema real de arsénico na zona e a veciñanza leva dous meses tendo que ir a recoller garrafas de auga ao Concello, xa que nin tan sequera se reparten a domicilio, co trastorno que isto supón”. A concelleira socialista tamén afirma que “non existe ningún tipo de compensación no recibo da auga para aquelas persoas que non poden facer uso da mesma, algo que xa solicitamos e dende o goberno municipal se ignorou”. Catalina González tamén afirma que “vamos a seguir loitando por conseguir solucións a longo prazo e dar amparo a nosa veciñanza”.

Pola súa banda, o voceiro do grupo provincial socialista, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que “pasan os anos e nada se fai para solucionar a problemática do arsénico” e apuntou a que “hai moita xente que aínda ten confusión con respecto aos problemas de saúde que ocasiona o consumo deste elemento presente nos mananciais”. O voceiro provincial do PSOE na Deputación de Ourense puxo o foco tamén nos carteis presentes nas fontes que “dan a entender que a auga está controlada e se pode consumir, pero teñen arsénico e a pesar de todo continúan funcionando e a veciñanza e ciclistas seguen facer uso dela”.

Rodríguez Villarino sinalou que a situación “é grave porque non se fan controis coa periodicidade que se debería” e afirmou que o PSOE “é o único partido que está demostrando un interese real pola saúde da veciñanza”. O voceiro provincial apuntou a que Xunta e Concello “son responsables da situación e vai sendo hora de que asuman esa responsabilidade e tomen medidas para paliar esta situación alarmante”. Villarino tamén instou ao goberno municipal a “informar debidamente a poboación”, xa que tal e como apunta “ o consumo de arsénico de xeito prolongado é perigoso, pero máis perigoso e facer regas e consumir eses alimentos, algo que a veciñanza debe saber”.