A Deputación de Ourense entrega o XXXII Premio Xosé Aurelio Carracedo á xornalista Tamara Montero

O acto, celebrado esta mañá no Salón de Plenos do Pazo Provincial, foi presidido polo vicepresidente Rosendo Fernández

Ourense, 5 de xuño de 2023.- A xornalista Tamara Montero recibiu esta mañá o XXXII Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, dotado con 1.500 euros e un diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa do xornalismo de calidade feito en Galicia. 

AVANTAR ACTIVIDADES

No acto, celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial, o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández entregoulle o galardón á premiada acompañado por representantes institucionais, membros do xurado -coa súa presidenta, Patricia Torres, que leu a acta do fallo- e Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio. 

O xurado ditaminou outorgar por unanimidade o galardón a Tamara Montero polo seu artigo “Casaio, a cartografía invisible da guerra”, publicado o 22 de setembro de 2021 en La Voz de Galicia, “por un exemplo do que debe ser unha reportaxe, misturando o estilo xornalístico co máximo rigor”. A premiada, sinala o xurado, “amosa oficio e talento para mesturar voces nun exercicio polifónico que ofrece unha nova mirada sobre as feridas da Guerra Civil, a posguerra e a necesidade de blindar a nosa memoria colectiva, incidindo neste caso no patrimonio industrial do país”.

O vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense destacou a importancia de promover e fortalecer a liberdade de prensa, e ponderou a calidade do reportaxe premiado de Tamara Montero. Rosendo Fernández tamén resaltou a figura de Xosé Aurelio Carracedo, “un xornalista de raza”, citando un artigo de Carlos Casares sobre o homenaxeado.

Pola súa banda, Tamara Montero reivindicou na súa intervención a importancia do xornalismo cultural, “con peso para cambiar as cousas”, e recoñeceu o traballo dos “meus compañeiros en La Voz de Galicia, de todos aprendín algo”. 

Tamara Montero quixo facer un chamamento colectivo aos xornalistas -destacando “a importante labor social que facemos día a día”- e recordou a Carracedo, como un “exemplo de profesional que entendía o espírito máis puro do xornalismo”. 

No acto interveu Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio, quen felicitou á premiada e agradeceu o traballo do xurado. 

Traxectoria de Tamara Montero

Tamara Montero Barreiro (Santiago de Compostela, 1985) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Escribe en La Voz de Galicia dende o ano 2008 nas seccións de Sociedade e Cultura. Na súa traxectoria profesional foi merecedora de recoñecementos como o XIII Premio Fernández del Riego de Xornalismo de Opinión e unha mención especial no LXXIX Premio Pérez Lugín de Periodismo.

O xurado, presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres Madureira, estivo integrado nesta edición do premio por Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Luis Menéndez Villalba, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), e José Manuel Rubín Carballo, xornalista, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Javier Rey.