O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá o concello de Oímbra, onde se desenvolve a Festa do Pemento
- O delegado territorial salientou que con esta convocatoria búscase potenciar as festas co recoñecemento de interese turístico da comunidade e contribuír a parte dos investimentos directamente vinculados a elas
- Manuel Pardo considera que este tipo de achegas da Xunta entroncan co impulso dun turismo auténtico e sostible e ao mesmo tempo é un factor de crecemento da economía que aposta polo equilibrio territorial e loita contra o despoboamento
- O prazo destas axudas para a convocatoria deste ano está aberto ata o vindeiro 11 de xullo
Ourense, 04 de xullo de 2025.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Oímbra para informar a súa alcaldesa, Ana Villarino, que a Festa do Pemento resultou beneficiaria da convocatoria do ano pasado das axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia con 4.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia.
Manuel Pardo explicou que estas axudas son de concorrencia non competitiva polo que se aceptarán as solicitudes por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Os interesados poden formalizar a súa solicitude a partir do mércores 11 de xuño ás 00.00 horas ata o 11 de xullo ás 23.59 h. Poderán ser beneficiarios os concellos galegos nos que se celebren durante este ano 2025 festas de interese turístico de Galicia, que a día de hoxe superan as 140, e só se poderá conceder unha axuda por concello.
As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 4.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os gastos non acaden os 4.000 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe destes.
Con esta convocatoria búscase potenciar as festas co recoñecemento de interese turístico de Galicia e contribuír a parte dos investimentos directamente vinculados a elas. Así, sufráganse, entre outros, gastos vinculados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, carteleira, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas… No caso de celebracións de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.
A carón dun cento en toda Galicia
Estas axudas reforzan ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso das festas de interese turístico de Galicia, que, pola súa singularidade e tradición, se converten en importantes reclamos en distintos momentos do ano e tamén de xeito repartido por toda a Comunidade galega, aliándose así cos obxectivos de desestacionalización e diversificación do modelo turístico impulsado pola Xunta de Galicia na súa Estratexia de Turismo de Galicia 2030. O ano pasado, ao abeiro desta convocatoria beneficiáronse 97 festividades.