Concellos do Ribeiro e O Carballiño alzan a voz contra a “saturación” que supoñen novos parques eólicos

Os concellos de Castrelo de Miño, Beariz, Boborás, Cenlle, Leiro, Piñor, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea presentaron alegacións conxuntas ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra en rexeitamento ao proxecto de evacuación dos parques eólicos Agratina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, promovido por varias empresas do sector.

As entidades locais denuncian que o territorio leva máis de medio século soportando o impacto de grandes encoros e liñas de alta tensión, sen recibir contraprestacións xustas nin beneficios directos. “Somos comarcas sacrificadas para o aproveitamento enerxético centralizado, sen retorno social nin económico para a nosa veciñanza”, afirman.

O novo proxecto supón, segundo os rexedores, “un impacto acumulado inasumible” para unha zona xa sobrecargada de infraestruturas. Sinalan que afecta negativamente á paisaxe, ao patrimonio, á saúde das persoas e ao tecido produtivo rural. Critican tamén a falta de alternativas técnicas e de consenso na proposta actual.

Ante a posibilidade de que o proxecto siga adiante, os concellos esixen un réxime específico de compensacións económicas para a poboación afectada, con tarifas eléctricas bonificadas segundo criterios obxectivos como a proximidade á liña de evacuación ou a afectación directa por servidumes, e, ademais, solicitan a creación de convenios cos concellos para asumir custes como o alumeado público, os bombeos de abastecemento ou a posta en marcha de proxectos de desenvolvemento rural e eficiencia enerxética.

As alcaldías lembran que a lexislación galega e estatal recolle a obriga de compensar aos territorios produtores de enerxía, en base aos principios de equidade, sustentabilidade e solidariedade interterritorial. Con esta acción conxunta, os nove concellos reclaman ser escoitados e respectados, e defenden “os intereses xerais das súas veciñas e veciños, e o futuro dun territorio que leva décadas asumindo sacrificios en silencio”.

ALEGACIÓNS: PREMER NA IMAXE:

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------