Na Xunta de Portavoces de onte, o BNG propuxo unha serie de medidas encamiñadas a adecuar a actividade municipal ao novo escenario consecuencia das novas restriccións

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense trasladou unha serie de propostas que agardan sexan tidas en conta por parte do Goberno Local

Publicidade

Na Xunta de portavoces municipais celebrada onte e como consecuencia da solicitude realizada en conxunto por todos os partidos da oposición, o BNG presentou unha serie de propostas encamiñadas a adecuar a actividade municipal ao novo escenario xurdido das novas restriccións impostas pola Xunta de Galiza para frear a expansión do virus que tanta incidencia está a ter no Concello de Ourense.

Para os nacionalistas, nestas circusntancias é preciso ampliar e consolidar o teletraballo no concello en todos aqueles ámbitos ou departamentos nos que sexa factible facelo, do mesmo xeito que solicitaron a implantación dun sistema de cita previa para a veciñanza que acode ás dependencias municipais e evitar así as longas ringleiras da Praza Maior.

Igualmente solicitóuselle ao goberno local o reforzo na limpeza e desinfección das dependencias e vehículos de titulariedade municipal. Desde o BNG tamén se interesaron polas novas medidas, se é que as hai, previstas no transporte público, e na que os nacionalistas propoñen voltar ás medidas adoptadas durante o confinamento establecido no pasado mes de marzo como é non cobrar e que os usuarios accedan aos vehículos pola porta traseira.

O Grupo Municipal do BNG interesouse pola habilitación de máis espazos para albergar as persoas sen teito así como que as reunións que se celebren no concello como poden ser Xuntas de área, xuntas de voceiros, comisións ou de índole semellante se realicen de maneira telemática, tal e como sucedeu durante o confinamento coas do Consello Municipal de Deportes.

Por último, o BNG volveu reclamarlle ao alcalde Gonzálo P. Jácome a axilización dos trámites administrativos para a concesión de axudas así como a constitución urxente da mesa para a recuperación económica e social aprobada en pleno. Proposta dos nacionalistas e que contou co apoio maioritario da corporación.