“A saúde non pode ser un negocio”: ASGADeD, a Platafoma Comida Digna Xa e o Sindicato Labrego denuncian a mala alimentación en centros públicos e no programa Xantar na Casa 

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Hoxe, XOVES 10 de xullo, ASGADeD, xunto coa Plataforma Comida Digna Xa e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, denunciaron en rolda de prensa a situación de mala calidade da  alimentación que reciben os usuarios e as usuarias de residencias e vivendas comunitarias.

Na rolda participaron de xeito presencial Margarida Prieto Ledo, representante do Sindicato Labrego Galego no Consello Galego de Benestar; Francisco Vázquez Vizoso, médico xubilado e ex-xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra e Manuel Carracedo, usuario do programa “Xantar na Casa. Tamén interviron de xeito online Lourdes Vigo, outra usuaria do programa “Xantar na Casa”, Manuel Pérez, usuario da Vivenda Comunitaria da Pontenova, e voceira da Plataforma Comida Digna Xa! de Ortigueira, dietista e Coordinadora do Grupo de Especialización en Nutrición na Terceira Idade, Francisca Martínez Ojea.

COMERCIAL ORCELLÓN

Compostela10 de xullo de 2025.Hoxe, 10 de xullo, tivo lugar unha rolda de prensa convocada pola Plataforma Comida Digna Xa, Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), a e oSindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) para denunciar a situación de mala calidade na alimentación na que se atopan as usuarias da Residencia de Ortigueira, das Vivendas Comunitarias da Pontenova e do programa da Xunta de Galicia, “Xantar na Casa”.

Durante a rolda, as asociacións convocantes evidenciaron algúns dos problemas de  mala calidade da comida que na actualidade reciben algunhas persoas do programa “Xantar na Casa”, tanto nos propios domicilios, como na Residencia de Ortigueira ou nas vivendas comunitarias de Pontenova; e explicaron os problemas dietéticos e de saúde máis importantes deste programa, así como os cambios máis relevantes que se deberían levar ao cabo no mesmo para que os usuarios e usuarias teñan unha alimentación digna, xusta e conectada co territorio.

Ademais, tamén puxeron en coñecemento da opinión pública as aportación que fixeron á Consulta Pública sobre o “Proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel na contratación das administracións públicas e en centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais” da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN).

“Imos presentar os aspectos que queremos que conclúa o novo Real Decreto. Ten que incluír unha serie de de programas imprescindíbeis para facer un seguimento epistemolóxico sobre as características das residencias; e as medidas que propón teñen que ser concretas, avaliables e de carácter obrigatorio“, destacou Francisco Vázquez Vizoso, representante de ASGADed, médico xubilado e ex-xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra. “Xa sabemos que un 20% das persoas que ingresan perden peso. Por iso, hai que facer un seguimento das persoas que están nesas institucións. Tamén cremos que ten que haber un programa no que se rexistren cuestións nutricionais, que se prohiba a alimentación a base de precociñados, ou que o reparto sexa diario, con alimentos de tempada e de proximidade, establecendo unha cota de 40% de alimentos locais, cun mínimo de 5% de alimentos ecolóxicos que, en 2030, pasarían a ser o 25%“.

Os problemas nutricionais do servizo actual tamén foron destacados pola voceira da Plataforma Comida Digna Xa! de Ortigueira,dietista e Coordinadora do Grupo de Especialización en Nutrición na Terceira Idade, Francisca Martínez Ojea. Esta experta subliñou a urxente necesidade de transformar os modelos de alimentación nas institucións xeriátricas e de reivindicar menús elaborados con criterio profesional e baseados en evidencia cientítica.

“É fundamental garantir unha alimentación equilibrada, suficiente, adaptada e satisfactoria, que non só cubra os requirimentos nutricionais, senón que tamén respecte os gustos, os hábitos e a dignidade das persoas residentes”, comentou Martínez. “Unha nutrición adecuada é unha ferramenta clave para previr comorbilidades graves asociadas ao envellecemento, como a desnutrición, a sarcopenia (perda de masa muscular) ou a fraxilidade, factores que teñen un impacto directo na calidade de vida e na dependencia funcional. Porque alimentar non é só nutrir: é coidar”.

Á rolda tamén asistiron usuarios e usuarias afectadas pola calidade das comidas. Manuel Pérez, un usuario da Vivenda Comunitaria de Pontenova, pediu que se someta a debate público a comida que se envía a residencias e centros. E destacou que os usuarios e usuarias queren que se elabore comida digna todos os días con produtos da zona, e non comida feita hai 10 días ou máis. “A maiores, na vivenda da Pontenova a comida chega en bandexas de plástico e collen sabor a plástico”, denunciou este afectado.

Lourdes Vigo, de Padrón, e Manuel Carracedo, de Vilalba, ambos usuarios de “Xantar na Casa”, reiteraron a mala calidade do servizo e o mal trato que reciben por parte do programa. Carracedo destacou a deficiencia da cociña, con casos no que as patacas ou as xudías, por exemplo, chegan crúas; e con comida con conservantes que dura ata 15 días.

“Hai 8 anos deixei de traballar por problemas de saúde porque teño unha patoloxía complexa, e aí metínme no programa “Xantar na Casa” cunha dieta estrita”, comentou Vigo. “A Traballadora Social do Concello de Padrón díxome que me vai dar de baixa do servizo de Xantar na Casa porque estou facendo un mal uso del. Eu teño dereito a este servizo. Isto é unha manipulación. O que acontece é que a miña información molesta, eu reclamo os dereitos que cumpran os Consorcio”.

A rolda de prensa rematou coas declaracións de Margarida Prieto Ledorepresentante do SLG no Consello Galego de Bienestar, quen concluíu que a alimentación dos nosos maiores, e das persoas usuarias de Centros de Día e Centros Residenciais non pode ser un negocio.

“Ten que primar a calidade e non o abaratamento nin o negocio de catro empresas. Xa abonda de negar esta situación por parte da señora conselleira”, denunciou Vilalba. “Non imos permitir que se siga a maltratar as persoas máis vulnerábeis, nin que se pretenda calar e se ameace a quen só reivindica o que é xusto, que é o dereito a unha alimentación san”.

Todos os colectivos convocantes anunciaron a súa intención de seguir traballando na denuncia desta situación, dándolle visibilidade as problemáticas existentes, así como ás alternativas ante esta realidade.

“Imos seguir apoiando as persoas usuarias que están a sufrir represalias e acoso por denunciar a situación e dende logo animamos a todas as persoas afectadas e os seus familiares a denunciar e a poñerse en contacto con calquera das organizacións presentes para loitar xuntas por un cambio de modelo que cambie dunha vez por todas esta situación que vimos a denunciar aquí hoxe”, rematou Vilalba. “A alimentación e a saúde non son un negocio, son un dereito de todas as persoas”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------