O Carballiño volverá a encherse de música este domingo 13 de xullo coa actuación do dúo ELOS, dentro do 6º Ciclo de Música na Rúa “Feito no Carballiño”. O concerto terá lugar dende as 20,00 horas na rúa Perfectino Viéitez, espazo que se converterá nun escenario aberto para acoller unha proposta musical tan diversa como emocionante.
ELOS está formado polo multiinstrumentista Sérgio Tannus e a cantante carballiñesa Marta Bravo, unha alianza artística que conxuga coas raíces brasileiras os sons do soul, jazz, funky, samba ou ritmos africanos. No seu repertorio combinan temas propios con versións que apostan pola orixinalidade, a calidez e a interacción co público.
A súa posta en escena destaca pola visión inclusiva, feminista e multicultural, facendo do galego e o portugués as linguas principais do espectáculo, pero sen esquecer o castelán e o inglés. ELOS é moito máis que un concerto: é unha experiencia participativa, chea de empatía, alegría e compromiso coa diversidade cultural e lingüística.
Sérgio Tannus é un dos músicos máis recoñecidos no panorama galego-brasileiro, cunha traxectoria que inclúe colaboracións con artistas como Gilberto Gil, Martirio, Uxía ou Javier Ruibal. Pola súa banda, Marta Bravo achega versatilidade vocal e unha presenza escénica que conecta con públicos de todas as idades.
Este domingo, a música volve tomar as rúas do Carballiño da man de dous artistas que entenden a arte como un espazo de encontro, emoción e comunidade. A cita é aberta e gratuíta.