A Xunta enxalza o liderado de Galicia no turismo de saúde e a Termatalia como o seu punto de encontro

  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pechou unha edición especial desta feira internacional especializada que reuniu en Ourense a expertos dunha ducia de países
  • A feira estivo orientada á adaptación do sector ás necesidades e retos derivados da pandemia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde en Ourense na clausura da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar Termatalia que este ano volveu converterse en punto de encontro do sector termal internacional nunha edición especial na que se  analizaron os desafíos do termalismo trala pandemia.

A directora de Turismo, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou o liderado de Galicia e, especialmente da provincia ourensá, no segmento do turismo termal e de saúde, grazas tanto aos seus recursos endóxenos como á oferta turística de calidade desenvolvida arredor deles.

AVANTAR ACTIVIDADES

Castro, que participou na entrega dos premios da 18ª Cata Internacional de Augas  coa que remataba o encontro, destacou o valor desta feira como exemplo de cooperación público-privada e interinstitucional, “xogando un papel fundamental na promoción internacional de Ourense e Galicia como destinos termais”, ao tempo que resaltou a necesidade de avanzar no desenvolvemento de novos produtos adaptados ás necesidades do turista poscovid, que busca un estilo de vida saudable e sustentable e experiencias innovadoras.

As xornadas celebráronse presencial e virtualmente, reunindo a máis de 72 expertos de 12 países que abordaron as novidades no ámbito científico vencelladas ao termalismo e á covid-19, a vinculación entre termalismo e Camiño de Santiago. Ademais, celebráronse encontros profesionais orientados á comercialización e ao deseño de novas ofertas, buscando a colaboración entre as diferentes empresas e avanzando, en definitiva, cara a un sector máis profesional e moderno.