A Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto (CCA) presentou a campaña “Holi Party Carballiño CCA”, que se desenvolverá ata o vindeiro, venres, día 18, culminando nesa mesma data cun evento festivo a partir das 19,00 horas na Pista Roxa da vila. “Durante esta semana, os mozos e mozas que realicen compras nos establecementos asociados conservarán os seus tickets, cos que poderán canxear bolsas de polvos Holi para participar activamente na festa”, según nos comentou hoxe Noelia Mares, xerente do CCA.
A sona desta actividade complementase coa sesión de música en directo do DJ A30/60 e coas creacións gastronómicas da ‘fruit truck’ Amoras, que traerán sabores refrescantes e locais a este encontro festivo. Esta mecánica busca motivar o consumo local, recompensar a fidelidade da mocidade e incrementar a visibilidade dos comercios durante a tempada estival. Ademais, apoiar ao comercio local supón unha reinxección económica significativa, dado que impulsa a creación de emprego e atención personalizada na vila. Os establecementos locais ofrecen un servizo de proximidade e coñecemento dos clientes, fortalecendo ademais o tecido social de O Carballiño, pois encher as rúas de comercio é tamén fortalecer os vínculos e reforzar a nosa identidade local.
O presidente da asociación, Julián Garriga, salientou que “con esta iniciativa queremos que a mocidade descubra o potencial do comercio local, que saiban que cada compra non só sustenta un negocio senón que lles regala cores, música e experiencias compartidas”. Pola súa banda, Noelia Mares apuntou que “con esta festa, premiamos aos máis novos, porque son o futuro do noso comercio. Queriamos dedicarlles un día especial, onde a súa lealdade se converta nunha oportunidade para fortalecer lazos”.
Esta acción se enmarca na estratexia veraniega do CCA baixo o lema “Compra, colorea e desfruta este verán co comercio de O Carballiño”, un convite a gozar das compras locais como motor sociocultural. A campaña conta co respaldo do Concello de O Carballiño e o financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, reafirmando o compromiso institucional co fomento da actividade comercial á escala local.