O Concello do Carballiño, ABANCA e Afundación asinaron esta mañá un convenio de colaboración cultural mediante o cal realizarán a exposición de rúa “Rostros nas Coleccións ABANCA e Afundación”. O acto de rúbrica tivo lugar na Casa do Concello coa asistencia do alcalde suplente do Concello do Carballiño, José Rafael Castro-Gil; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A exposición poderase contemplar do 23 de xullo ao 17 de agosto na praza de Emilia Pardo Bazán, máis coñecida como Praza das Galiñas, na vila do Arenteiro.
Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación do individuo, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus signos de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, dende as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. Os selfies da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción da identidades persoais e colectivas. Esta mostra invita a explorar as diferentes interpretacións que os artistas fixeron (e fan) deste xénero cunha selección de obras galegas pertencentes ás Coleccións de Arte ABANCA e Afundación.
Esta colaboración é parte do proxecto ‘Corrente cultural’, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.