O Festival Arteficial completa a súa proposta de concertos e actividades para a súa última edición, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro (venres e sábado) no Museo Etnolóxico de Ribadavia, nos arredores e no interior da Praza da Madalena e no Adro da Igrexa da Oliveira, todos eles espazos situados dentro do conxunto histórico de Ribadavia. Este ano, o festival contará co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como do Concello de Ribadavia, a Deputación de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, Destilerías Miño (vermú Povarelo, Licores Paniagua e A Pócima), Alhambra e Bodegas Gallegas (viño Gran Alanís e Sousas).
Arteficial conta tamén co apoio da Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural (AGPXC) e do Pacto de Cultura Sustentable. A asociación Arteficial, con sede no corazón do Ribeiro, Ribadavia, aposta ano tras ano por unha programación musical alternativa para a súa gran actividade, o Festival Arteficial. Ao longo de 19 edicións, confía na arte en diferentes formatos como unha maneira de habitar e revalorizar o territorio rural dende unha perspectiva contemporánea, pero sen perder de vista as tradicións. Pasaron polo festival agrupacións de Galicia e Portugal como Fillas de Casandra, Def Con Dos, First Breath After Coma, Whales, Noiserv, Laura Lamontagne e Pico Amperio, Surma, Malandrómeda e outras do panorama nacional e internacional como Los Coronas, Deva, Havalina, Austin TV (México) ou Blaak Heat (EE.UU.).
Entre as accións a destacar, Arteficial conta cunha entrada gratuíta e accesible para todos os públicos. Seguindo o seu pensamento de creación de comunidade e fortalecimento da mesma, hai xa algunhas edicións iniciaron unha colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro, que consiste na recollida de alimentos como entrada simbólica e voluntaria ao recinto do festival: alimentos non perecedeiros ou bens de hixiene para nenos. Por suposto, o festival conta tamén con actividades interxeracionais e para a infancia, intervencións artísticas e cunha zona gastronómica de Km0.
Ademais, os escenarios dos concertos están situados en espazos coidadosamente seleccionados no corazón do conxunto histórico de Ribadavia. En horario diúrno, o da antiga Igrexa da Madalena (reconvertida nun espazo sociocultural) ou escenario principal da Praza da Madalena, e os DJs situados no Miradoiro da Praza de Buján. En horario nocturno, o situado no fantástico adro da Igrexa de Santa María da Oliveira para o peche do festival. Un ano máis, Arteficial establece unha colaboración co Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde acollerá a exposición “Narrativas futuras. As ruínas do rural” dentro do marco do XIX Festival Arteficial, comisariada polos artistas multidisplinares Alba Casas e Adrián Riveiro. Trátase dun proxecto que valora a ruína como medio para imaxinar e proxectar novas narrativas posibles no campo galego.
A organización do festival vén de avanzar que as bandas confirmadas na edición deste ano son Gondawa (Francia), Mbye Ebrima (Gambia), Abril (Vigo), Charnego (Madrid), Rompecinturas Selektor+Karaoke con Esteban (Santiago de Compostela), Paula RR, Isaac Pedrouzo, Auto Sacramental (Madrid) e o grupo de gaitas Airiños da Arnoia, que se encargará dos pasarrúas, que acompañarán aos xigantes Don Pedro e Dona Ana.
Ademais dos concertos, as xornadas do 5 e 6 de setembro contarán con outras actividades, como “O Mercado das Sementes”, onde artistas e comerciantes galegos poderán mostrar e vender as súas creacións, como roupa, ilustracións, vinilos, obxectos para o día a día, etc. Tamén, cunha zona gastronómica de Km. 0 onde poderás degustar pratos deliciosos coidando o medio ambiente, xa que procuramos que os integrantes desta zona sexan o máis locais posible para reducir emisións e así incentivar o comercio da nosa comarca. Ademais, hai organizadas actividades para nenos e nenas para que todos os asistentes ao festival (interxeracional) poidan disfrutar deste máxico evento. Nesta edición, organizáronse dúas actividades: unha delas de cerámica e interpretación do patrimonio local a cargo de Xeitura e outra a cargo de Gabi Reboredo sobre iniciación ao baile tradicional para todos os públicos.
Por último, dende a organización salientan que o festival atópase enmarcado dentro da programación das festas patronais organizadas polo Concello de Ribadavia, polo que, as persoas visitantes poderán disfrutar tamén doutras actividades enmarcadas nos días previos e posteriores.