Seis xoves do Carballiño poderán formarse laboralmente en empresas de Irlanda e Portugal

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Un convenio entre o Concello do Carballiño e a empresa Sustinea posibilitará que un total de seis xoves do municipio de idades comprendidas entre 18 a 30 anos poidan recibir unha formación laboral realizando prácticas durante dous meses en países do extranxeiro. O proxecto “Galicia con alma” foi presentado esta mañá na Casa do Concello coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o coordinador de Sustinea, Pablo Vázquez.

Diego Fernández lembrou que Sustinea “é unha empresa que leva anos traballando na defensa da cultura, o medio ambiente e a formación fóra das nosas fronteiras, por iso é de agradecer que pensasen no Carballiño para a mellora da formación dos nosos xoves no exterior”. Pola súa banda, Pablo Vázquez, explicou que este proxecto promove “as prácticas non remuneradas de seis mozas e mozos en empresas das cidades de Cork (Irlanda) e Lisboa (Portugal), con tódolos gastos de aloxamento pagados e unha axuda de 500 euros durante os dous meses de estadía”. Previamente, os xoves seleccionados recibirán formación lingüística e Sustinea elaborará un perfil laboral axeitado ás súas características.

O periodo de estancia fíxase entre o 1 de setembro e o 30 de outubro, e as persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse en www.sustinea.org ou a través do Instagram desta empresa dende hoxe e ata o vindeiro 31 de xullo.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------