O grupo municipal de Espazo Comón vén de presentar unha moción na que solicita que “o Concello do Carballiño amose o seu apoio a unha inmigración necesaria, ordeada e construtiva e condene os comportamentos racistas que só buscan un enfrontamento para sacar rendemento político”, proposta que será debatida pola Corporación na vindeira sesión plenaria. Subliñan que, “cada certo tempo, unha polémica agroma nalgún punto do país tendo no seu centro unha forte ráfaga de odio e resentimento cara aos inmigrantes. Así dito en xenérico. Os inmigrantes. As persoas que veñen doutros países a procurar unha vida mellor. Persoas que fuxen da fame e da miseria. Coma se se poidera meter a todos no mesmo saco sen máis. En Galicia esta descripción debería resultarnos moi familiar. Absolutamente ninguén nesta terra pode dicir que non tivo algún familiar que foi a buscarse as fabas por Europa adiante ou a tentar facer as américas”.
As concelleiras e concelleiros de Espazo Común apuntan que, “indo aínda máis alá, hai unha realidade que os xenófobos que aproveitan este discurso para apelar ás emocións máis básicas da xente e para meterlles o medo, queren ocultar. A inmigración é imprescindible para soster o futuro deste país. Non é un sentimento. Non é unha cuestión ideolóxica. Son datos”. E poñen o exemplo do Carballiño: “Eliminemos tódolos negocios rexentados por persoas que viñeron de Venezuela, República Dominicana ou Brasil. Despidamos a mán de obra procedente de África, Rumanía ou Portugal que abonda en empresas grandes e pequenas. Borremos do censo aos colombianos, venezolanos ou arxentinos. Anulemos os nacementos de nenos nas familias procedentes de todos estes países”. Ao respecto, indican que “nese escenario, que semella ser o que arela a extrema dereita, é doado saber o que sería o noso pobo: un deserto demográfico cun saldo vexetativo moito máis terrible aínda que o que xa hai. Un solar sen futuro económico ningún pola falla de traballadores”.
Dende Espazo Común pregúntanse “Quere dicir isto que hai que ofrecer barra libre á inmigración?” e respostan que “Non, en absoluto”. “Hai que regular, hai que xestionar, hai que detectar ás persoas problemáticas que poidan vir agochados nesa maioría e tomar medidas drásticas con respecto a eles. Pero non se pode xulgar a todos polo que fan uns poucos. Iso é un atraso impropio dun mundo civilizado no ano 2025. Vén sendo como afirmar que tódolos galegos somos parvos, acepción que non fai tanto que despareceu dos diccionarios na Arxentina. E é que calquer xeralización acarrexa inxustiza. España precisa dos inmigrantes e eles teñen todo o dereito a procurar unha vida mellor. O traballo da administración e os esforzos políticos teñen que ir encamiñados a eliminar as mazás podres do cesto”, conclúen.