Manuel Baltar: “Os concellos atenden aos veciños, o Goberno desatende aos concellos”

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente do PP de Ourense reclamou hoxe en Madrid, xunto a cargos da administración local de toda España, “os recursos que o goberno de Sánchez lle nega ás entidades locais para facer fronte ao impacto do Covid-19”

“Estamos aquí para defender diante de calquera instancia o municipalismo e os intereses dos nosos vecinos”, destacou Baltar

HIPER MASIDE

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid, xunto co presidente do PP, Pablo Casado, e máis de 200 alcaldes e cargos municipais dos populares -en representación dos 2.863 alcaldes e máis de 20.300 concelleiros do PP-, nunha concentración diante do Congreso dos Deputados en protesta “polo abandono” por parte do Goberno de Pedro Sánchez ás entidades locais durante a pandemia do Covid-19. Posteriormente, fronte ao Ministerio de Facenda, deuse lectura por parte do portavoz nacional do PP e alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e do alcalde de Zaragoza e portavoz do PP na FEMP, Jorge Azcón, dun manifesto no que se expresa que Sánchez “trata a pandemia como unha oportunidade persoal e non como unha emerxencia nacional, e o maltrato aos concellos non é unha excepción”, sinala o escrito.

Neste sentido, Manuel Baltar afirmou que mentres “os concellos atenden aos veciños, o Goberno desatende aos concellos”, e remarcou que esta manifestación de cargos da administración local vén motivada “polo trato máis discriminatorio para coas entidades locais de España por parte do Goberno, o que máis atacou á autonomía local, e máxime en momentos de pandemia, pois non dispuxo un solo euro para as economías locais, entidades que están en primeira liña de loita contra a pandemia atendendo servizos básicos en temas sociais ou adquisición de material sanitario, entre outros aspectos”.

O presidente da Deputación de Ourense considera que estamos “nun momento sumamente difícil e desde o Goberno da nación non se dispuxo transferencia algunha, a maiores do previsto para as entidades locais, nin tampouco aceptou ningunha das emendas que tradicionalmente se aceptaban e aprobaban conxuntamente por todos os grupos políticos da FEMP”, afirma Baltar, quen lamenta que a ministra de Facenda non recibira aos alcaldes de capitais de provincia, de todos los signos políticos, que lle dirixiron cartas. “Estamos diante dun comportamento impresentable por parte do Goberno, e o que fixemos hoxe foi manifestar o noso rexeitamento, seguir protestando polo que consideramos unha desconexión absoluta do Goberno coas entidades locais; unha marxinación que hai que denunciar e seguir loitando e reivindicando, porque un goberno así é o que merece: unha chamada de atención continua polo seu inapropiado comportamento provocando o confinamento das economías locais”, remarca Manuel Baltar.

No acto, os representantes municipais censuraron o abandono do Goberno para cos entes locais, “é o Executivo máis antimunicipalista da historia”, dixeron, e esixiron a habilitación dun sistema de axudas cun fondo de 4.000 millóns pola crise derivada do coronavirus e outro de 1.000 millóns destinado especificamente ao transporte público.

Os cargos públicos do PP piden o amparo institucional tanto da presidenta da Comisión Europea como do presidente do Comité das Rexións para que obrigue a Sánchez “a aterse a criterios de xustiza” e para facer que rectifique “esa mala política da repartición de axudas da UE”. Trátase de conseguir que as entidades locais reciban o adecuado trato que merecen por parte do Goberno. “Por iso estamos hoxe aquí, para defender diante de calquera instancia o municipalismo e os intereses dos nosos veciños”, expresou Baltar.